DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da celebración dun encontro anual

Os coros das universidades de Vigo e A Coruña unirán este sábado as súas voces

Terá lugar no Conservatorio Superior de Música da cidade olívica

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 16/04/2008

Os membros do Coro Universitario de Vigo xa están a poñer a punto as súas voces para participar no Encontro de Coros que terá lugar o vindeiro sábado e no que estarán acompañados polos seus homólogos da Universidade da Coruña.
O Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música será o escenario deste encontro, que se celebra anualmente, pero que “nesta ocasión ve reducido o número de participantes debido aos cambios producidos recentemente no persoal de coordinación do coro da Universidade”, tal como apunta Beatriz Freijido, organizadora do evento, que explica que “en edicións anteriores denominábase Certame de Coros porque, ao invitar a outros dous coros de universidades españolas e portuguesas, era unha actuación a tres bandas”.
Entre as pezas que o coro da cidade olívica está a preparar para a ocasión destaca a coñecida Aires, airiños aires, de Antonio Juansarás, ademais doutras como Te quiero, dijieste, de María Grever; Duerme Negrito, de Eduardo Correa; New York, New York, de Antonio Velasco; Con el Vito, de Manuel Massotti, Cantique de Jean Racine, de Gabriel Fauré, Coro di Piangitori de la opera, de Ottorino Respighi e Italiska Isdaiga de Genee Herzl. Pola súa banda, os coruñeses presentarán un repertorio con obras de J. Anckermann, J.A. Rincón, B. Coulais e O. Di Lasso, entre outras.
A entrada a este concerto, que terá lugar o vindeiro sábado ás oito da tarde, é libre e gratuíta.

O Coro da Universidade de Vigo

Fundado en 1990, o Coro da Universidade de Vigo naceu coa misión de potenciar a formación musical do alumnado e solemnizar actos académicos, tales como a entrega de medallas e de insignias Honoris Causa, a inauguración oficial do curso e o día de Santo Tomé. A parte disto, o Certame de Coros, a actuación de Nadal e o concerto de mediados de decembro nunha localidade próxima a Vigo son as grandes citas anuais deste grupo musical aberto a toda a comunidade universitaria.

Máis información: http://extension.uvigo.es/contidos/documentos/programacion_cultural_08/triptico_exterior_encontro_coros_08.pdf