Será na Igrexa dos Pais Franciscanos de Ourense
Os coros universitario e infantil do campus ofrecerán este sábado o seu Concerto de Nadal
A entrada é gratuíta ata completar aforo
O sábado 21 de decembro, ás 19.45 h, a Igrexa dos Pais Franciscanos de Ourense acollerá o Concerto de Nadal 2024 dos coros universitario e infantil do campus. Será, indican desde a súa organización, “un concerto emocionante” xa que constitúe a presentación oficial do coro infantil do campus de Ourense (Cuquiños). A entrada é gratuíta e aberta ás persoas interesadas ata completar aforo.
Na actuación, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum (Cuco) e Cuquiños ofrecerán, baixo a dirección respectivamente de Ruth González e Víctor V. Fernández, un programa cun repertorio propio e logo compartirán escenario cantando xuntos varias pezas. Ao piano estará Alejandro Fírvida, en percusión Noel de Dios, en frauta Julie A. Feijóo e na gravación en vídeo Mencía Hernán. Será, indica Ruth González, “un concerto moi emocionante onde poderemos ofrecer o traballo dos ensaios e tamén escoitar como comeza os seus pasiños o coro infantil, cheo de rapaces e rapazas cunha ilusión: unir a súa vida ao canto para darlle luz e quedar aí sempre conectados neste marabilloso mundo musical”.
Diversidade de pezas
O concerto, organizado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, arrancará coa actuación do coro universitario, que interpretará tres bloques de cancións divididas por temáticas e estilos. Un primeiro bloque será de cancións sacras, con Da pacem domine, Lux aeterna e Jubilate deo. O segundo será de cancións anglosaxoas, con Earth song e Mamma mia, e para rematar haberá panxoliñas, con pezas do Cancioneiro de Uppsala. Seguirá o coro infantil, formado por 24 nenos e nenas, cun repertorio tamén dividido en tres bloques. Nun primeiro interpretarán Miles de estrelas, Pola beleza da terra e Alzándome. O segundo bloque serán dúas pezas con cancións do mundo: Akai hana shiroi hana, xaponesa, e Kuku ué, de ritmos africanos. Rematarán con dúas panxoliñas, Dúrmete e Gioia nel mondo. Por último, conxuntamente, Cuco e Cuquiños cantarán Fronteiras e as panxoliñas Betelehemu e Adeste fideles, para finalizar con Mi madriña.