DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira das actividades de extensión universitaria celébrase no Concello de Muíños

Os cursos de verán do campus arrancan abordando a sostibilidade ambiental

A iniciativa conta coa participación de 26 estudantes e persoas alleas á comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 15/06/2022

A programación de extensión universitaria, os coñecidos como cursos de verán, que organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación de Ourense, xa están en marcha. Desde este mércores e ata o venres, o Concello de Muíños acolle a primeira destas accións formativas, que leva por título Sostibilidade ambiental: retos e perspectivas.

Dirixida desde a Facultade de Ciencias polas profesoras e investigadoras María Fernández e Carmen Seijo, a iniciativa toma como referencia a reserva da biosfera na que se enmarca este concello ourensán para abordar aspectos como o cambio climático, a protección da natureza, a economía circular e os valores ambientais. A programación inclúe a visita a espazos de interese ambiental deste enclave. “O noso obxectivo é afondar nos valores ambientais e no impacto que vai ter o cambio climático en diferentes aspectos do medio ambiente”, comenta a responsable do curso, que conta con 26 persoas matriculadas, principalmente alumnado da Facultade de Ciencias (dos graos de Ciencias Ambientais e Enxeñaría Agraria), pero tamén persoas alleas á comunidade universitaria.

“O deterioro que está a sufrir durante os últimos anos o medio ambiente, fai que as políticas actuais tendan cara un modelo social baseado no ecodesenvolvemento sostible. Isto quere dicir que no futuro haberá que compatibilizar o desenvolvemento económico eficiente cunha xustiza social distributiva e a conservación do medio ambiente”, comentan desde a dirección do curso. Ao longo das tres sesións de formación que se celebran no Concello de Muíños, comentan, “tratarase de avaliar, dende un punto de vista científico, a importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade, a loita contra os lumes e a salvagarda dos recursos hídricos cara un futuro desenvolvemento sostible da nosa sociedade no século XXI”. Neste contexto, engaden, “intentarase promover aptitudes e fomentar o espírito crítico cara a xestión medio ambiental e a súa influencia na natureza, valorando a grande importancia que ten a protección de espazos naturais protexidos como a Reserva da Biosfera Internacional Xurés-Geres”.

Tres días de actividades

A programación arrancou este mércores coa benvida por parte do Concello de Muíños, ao que a organización do curso quixo agradecer “todas as facilidades que nos poñen para o desenvolvemento deste curso cada ano. Sendo un concello pequeno é un concello moi dinámico, que sempre nos acolle cos brazos abertos”. Seguiulle unha conferencia sobre o cambio climático e a economía da acción e da inacción, a cargo de Susana Bayo, profesora do Departamento de Física Aplicada da UVigo, e outra de José Antonio Amoeiro, xestor da Reserva da Biosfera Internacional Transfronteiriza Xurés-Geres, sobre estas reservas como ferramentas da protección da natureza. Xa pola tarde, está previsto que falen de estratexias de mitigación e adaptación fronte aos efectos do cambio climático Juan José Taboada, de Meteogalicia, e Nieves Lorenzo, profesora de Física da Universidade de Vigo. Igualmente, Shantal Rodríguez, investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo, ofrecerá unha conferencia sobre as consecuencias nos ecosistemas terrestres e grao de introdución en Galicia da vespa velutina.

O xoves o alumnado realizará unha visita e ruta pola Reserva da Biosfera Internacional Xurés-Geres e o polo de Salgueiros guiado por biólogos deste parque e profesoras da Facultade de Ciencias ourensá. Igualmente, achegaranse ao Balneario de Lobios para coñecer diferentes aspectos do turismo termal de man do director de Balnearios do Grupo Caldaria, Fernando Suárez. O curso rematará o venres con varias conferencias. Luis González, do Departamento Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, intervirá sobre especies exóticas invasoras e desenvolvemento sostible; Javier Agís, da Empresa Naturgy Generación, sobre economía circular e reutilización de augas en centrais de produción de enerxía, e Vicente Rodríguez Gracia, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e asesor de Flora Ibérica, sobre valores ambientais asociados os recursos hídricos do Xurés.

Máis cursos

Con esta actividade arrancou unha programación de extensión universitaria que no campus de Ourense está formada por oito actividades formativas con 285 prazas abertas á inscrición tanto da comunidade universitaria como da cidadanía en xeral. As súas temáticas abranguen desde o cinema e a sostibilidade ambiental ata o turismo rural e o teatro como ferramenta de deconstrución de prexuízos e estereotipos. Os cursos desenvolveranse nos meses de xuño, xullo e setembro, oscilando as súas prazas entre as 25 e as 50 e o número de horas entre as 30 e as 33. Por cada 30 horas de formación, as persoas matriculadas poden obter un crédito ECTS. Os prezos varían en función do tipo de curso e do tipo de público, abranguendo desde os 8 ata 60 euros. As persoas interesadas poden inscribirse de xeito virtual desde o día 30 de maio a través do Campus Activo da UVigo.