DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As persoas que asistan aprenderán un innovador método para resolver problemas

Os cursos de verán renóvanse con ‘Design Thinking’

O obradoiro terá lugar na EE de Telecomunicación do 17 ao 24 de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 27/05/2019

Ensinarlle ao alumnado ou a calquera outra persoa interesada maneiras alternativas e orixinais de enfocar os problemas, tanto desde o punto de vista profesional como persoal. Este é o obxectivo co que se lanza Introducción a Desing Thinking, unha das novas propostas formativas dos Cursos de Extensión para este verán. 

Dirixido polo profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Manuel J. Fernández Iglesias, o obradoiro está dirixido a todos aqueles que estean  interesados en “experimentar unha metodoloxía novidosa para resolver problemas, que ademais non está orientada a un ámbito específico, senón que se pode aplicar a retos de tipo técnico, social, humanístico ou persoal”, tal e como recalca o seu coordinador. A cita será do 17 e o 24 de xuño na propia Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. 

Sen necesidade de formación específica e de utilidade para calquera 

O Design Thinking é unha metodoloxía que se emprega para resolver problemas e que se basea nun conxunto de instrumentos e técnicas moi diversos. “Levamos varios anos dando formación sobre Desing Thinking, aínda que esta é a primeira vez que ofrecemos un curso de verán dentro do programa de Extensión Universitaria”, salienta Fernández, quen enfatiza o feito de que os cursos de verán son unha posibilidade moi interesante para difundir esta metodoloxía a un público amplo, xa que non se precisa de ningún tipo de formación específica e pode ser de utilidade para practicamente calquera persoa. 

“Con esta metodoloxía aprendes a escoitar a outras persoas, a ser empático, a buscar ideas orixinais, a inspirar e  motivar a outras persoas, a identificar problemas, ou a presentar o teu traballo sen resultar aburrido ou tedioso”, explica Fernández Iglesias, recalcando así o feito de que se trata dun obradoiro que pode resultar de proveito tanto para profesionais como para non profesionais. 

“Metodoloxía moi práctica”

Este novo curso de verán nace co obxectivo de que os asistentes poidan aplicar os fundamentos da metodoloxía propia deste modelo de deseño para a resolución de problemas, de tal forma que poidan desenvolver as capacidades necesarias para identificar as entidades máis relevantes na concepción e desenvolvemento dun proxecto, independentemente do seu ámbito de aplicación. 

Aplicar á práctica as técnicas de entrevista, de escoita activa, de observación empática, da definición do punto de vista, da xeración de ideas, da formulación de conceptos, do prototipado rápido ou a realización de probas e recollida de información son algúns dos aspectos a tratar durante este obradoiro. “A metodoloxía é moi práctica. O curso organízase ao redor dun problema que os participantes no mesmo deberán afrontar ao longo das clases, aprendendo as diferentes técnicas e instrumentos que están aprendendo”, salienta o director do curso. 

Inscricións ata o 31 de maio

As persoas interesadas en participar neste curso poden realizar a súa pre-inscrición ata o día 31 de maio a través da páxina Culturxest. O custe deste obradoiro é de 19 euros para a comunidade universitaria e de 30€ para as persoas alleas. Ao remate do obradoiro entregarase un diploma acreditativo que o alumnado poderá convalidar por 1 crédito ECTS para as ensinanzas de grao.