DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Álvarez acadou este verán unha medalla de ouro no Europeo Junior de Balonmán

Os deportistas de elite tamén regresan ás aulas

Estudante de ADE e xogador da liga Asobal co Club Balonmano Cisne de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
D Besadío DUVI 06/09/2022

Deportista de elite  e estudante universitario. Carlos Álvarez Domínguez é un dos alumnos  da UVigo que compatibiliza estudos con competición deportiva de alto nivel, dúas facetas que non sempre son fáciles de conxugar. O seu día a día divídese entre a súa gran paixón, o balonmán, e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde acaba de empezar o segundo curso do Grao en Administración e Dirección de Empresas. Tras o parón estival retoma as clases cun novo éxito deportivo debaixo do brazo, nada máis e nada menos ca unha medalla de ouro no Europeo Junior de Portugal, un broche único para unha tempada na que tamén logrou o ascenso á liga Asobal, primeira división do balonmán español, co Club Balonman Cisne de Pontevedra, do que é xogador sénior.

“Foi un final de tempada incrible”, admite Álvarez Domínguez. “Conseguimos o ascenso á liga Asobal e, tan só dous meses máis tarde, xogando coa selección española junior, fomos quen de lograr o campionato de Europa vencendo na cidade de Porto á anfitrioa, Portugal, e colleitando outro título importantísimo para a federación do balonmán español”, salienta o único xogador galego da selección española junior.

Compatibilizar “non é doado” pero dá moitas satisfaccións

Compatibilizar estudos e deporte de elite non é doado, pero, ao tempo, tamén é moi satisfactorio. “O día a día é duro e complicado, pois moitas competicións e concentracións coinciden en épocas de clases e prácticas ou con exames que, ás veces, non se poden cambiar de datas, o que te obriga a renunciar  a unha parte dos teus obxectivos, xa sexan deportivos ou académicos”.  Desde o seu punto de vista, todo este alto nivel de estrés provoca que moitos xogadores e xogadoras decidan non seguir a carreira universitaria e dedicarse en exclusiva á competición deportiva ou decantarse por ciclos formativos de máis curta duración.

No seu caso tiña claro que quería ir á Universidade e elixiu a titulación de  Administración e Dirección de Empresas porque considera que é “unha das carreiras máis útiles que existen”, pois, desde o seu punto de vista, “axúdate a comprender o mundo laboral actual e a facerte unha idea do futuro que nos espera á mocidade”. Por outra banda, valorou tamén o feito de que permite a especialización en ramas deportivas, “algo moi a ter en conta”.

Vinculado ao balonmán desde os cinco anos

Empezou a xogar ao balonmán con só cinco anos, xa que “era o deporte que reinaba na familia” e, ao pouco, tamén ao tenis, ata que, con 14 anos, “tiven que deixar este segundo deporte debido á exixencia que requiría tanto o balonmán coma os estudos”. Desde ben pequeno acompañárono os resultados deportivos e neste anos tivo a oportunidade de xogar cinco campionatos de España por comunidades coa selección galega e, posteriormente, acudir a numerosas concentracións de promesas coa selección española.

“En maio de 2021 logrei, xunto aos meus compañeiros de equipo, quedar campión de España xuvenil co Club Balonmán Cisne, e ese mesmo verán cos compañeiros da selección española xuvenil, logramos o bronce no Campionato Europeo Xuvenil”. Xa en 2022 chegou o “incrible ascenso á liga Asobal, pondo ao Cisne no máis alto do balonmán español” e, tan só dous meses máis tarde, o ouro no Europeo Junior de Portugal. “Este ouro coa selección española é o froito dunha xeración que se gañou o respecto europeo ano a ano, pois o traballo que hai detrás de cada competición é moi duro con semanas durante todo o inverno nas que nos concentramos para poder adestrar todos xuntos, pois cada un vive en diferentes comunidades, e todo isto sumado ao traballo diario de adestrar cos respectivos clubs”, explica o xogador, quen admite sentir un “enorme orgullo e satisfacción porque todo o traballo ten recompensa” e agradece o papel que tiveron todas as persoas que o levan apoiado “en especial a familia, que sempre está aí, sempre nos bos como nos malos momentos”.

Agarda poder seguir vinculado ao balonmán durante moitos anos sen ter que deixar os estudos de lado, “pois penso que estar na universidade é vital para poder formarme como persoa, para min é un luxo competir a tal nivel no deporte que me gusta á vez que me formo como estudante na UVigo”.