DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Dereito ata o 28 de marzo

Os dereitos humanos no "Quixote" de Cervantes, protagonistas dunhas xornadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 05/03/2008

Coa intención de transmitir os valores do personaxe estrela de Cervantes, don Quixote, e de analizar o pensamento do propio escritor sobre os dereitos fundamentais a Facultade de Dereito acolle ao longo do mes de marzo as xornadas O Quixote e os Dereitos Humanos. A través de destacados relatores, dun certame literario e da exposición pictórica de Juan Queralt, que dá nome ás xornadas, abarcaranse diferentes aspectos da obra cervantina e estudaranse as denuncias e reivindicacións que xa no século XVI facía a sociedade.
Ao acto inaugural deste congreso asistiron autoridades como o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, o subdelegado do goberno na provincia, Camilo Ocampo, o presidente do Consello Social da Universidade, Emilio Atrio, ou a decana da Facultade, Inés Iglesias. Ademais tamén estiveron presentes os organizadores das xornadas, o vicedecano de Estudantes e Actividades Culturais, Iago Fariñas e o autor das obras expostas, Juan Queralt.
Foi precisamente este último quen, en palabras do vicerreitor “escolleu o noso campus para darlle forma á idea. Cando mo propuxo pensei ata que punto era necesario no século XXI falar dos dereitos humanos pero, tras ver na televisión dictaduras, penas de morte, asasinatos, violencia de xénero e outras barbaridades decateime de que non temos tanto avanzado dende a época de Cervantes” dixo. Galvez engadiu que “só dende a educación e a cultura podemos chegar a ver a luz ao final do túnel e acadar unha sociedade na que estes dereitos sexan respectados”.
Francisco Rodríguez explicou a importancia de “estudar o carácter precursor do Quixote como fábrica de valores, que aínda que pasen os séculos segue predicando o respecto e a ética dos máis débiles e de aqueles que perseguen muíños”.
A decana da Facultade de Dereito, Inés Iglesias, destacou a “calidade das ponencias, que espero sexan motivo de diálogo e debate”. Entre os relatores máis destacados que participarán nas xornadas están Darío Villanueva, antigo reitor da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Española ou José Montero, doutor en Filoloxía Española pola Universidade Autónoma de Madrid e presidente da Asociación Española de Cervantistas.
As xornadas, que son gratuítas e abertas ao público en xeral, finalizarán o día 28 cunha mesa redonda sobre os dereitos humanos no marco da Unión Europea e sobre a súa Carta dos Dereitos Fundamentais, e contará coa participación dos deputados no Parlamento Europeo Antolín Sánchez e Rosa Míguelez.

Exposición e diálogo

Paralelamente ás xornadas e baixo o mesmo título. O Quixote e os Dereitos Humanos permanecerá aberta a exposición do pintor didáctico especializado no tema, Juan Queralt Blanch. A mostra poderá ser visitada ata o 28 de marzo no horario habitual de apertura do Edificio Xurídico Empresarial. Ademais, o propio Juan Queralt estará a disposición dos interesados para explicar a súa obra e manter diálogos sobre o que representa.
Neste sentido, a facultade invitará a todos os institutos da provincia para que visiten a exposición e manteñan un encontro co seu autor xa que, segundo Iago Fariñas, vicedecano de Estudantes “a educación é máis que ir a clase e estudar, tamén comprende actividades complementarias innovadoras deste tipo pola que esperamos que pasen moitos universitarios e tamén un gran número de alumnos de ensinanza media para entrevistarse con Queralt”.

Certame literario

Os asistentes ás xornadas tamén poderán participar nun certame literario onde deberán realizar unha breve síntese de entre dous e catro folios por unha cara do tratado nos relatorios e entregalo no Decanato da Facultade de Dereito. O xurado estará composto polo equipo decanal e Juan Queralt, e os tres premiados recibirán un debuxo orixinal cada un do autor cervantino.