DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Os docentes afondarán nas técnicas estatísticas máis empregadas en investigación

Do 3 de novembro ao 2 de decembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 18/09/2008

Co obxectivo de ampliar os seus coñecementos en estatística e de poder aplicalos a cada unha das súas especialidades, os profesores do campus afondarán nas técnicas máis empregadas nesta disciplina nun curso organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa. Baixo o nome Introdución ao programa estatístico SPSS, o seminario pretende que os docentes traballen dun xeito básico e práctico con esta ferramenta informática, pero cun enfoque aplicado ás principais estratexias que actualmente se utilizan en investigación.
O curso, que se desenvolverá do 3 de novembro ao 2 de decembro, consistirá na descrición do programa SPSS e dun conxunto de técnicas estatísticas sobre as que se discutirá a súa aplicación, a verificación das hipóteses, os seus obxectivos e a correcta interpretación dos resultados. Ademais, para obter unha mellor comprensión de todos os temas que abarcará esta formación, o alumnado realizará prácticas co ordenador desde o primeiro día.

Un dos programas con maior difusión a nivel mundial

Os campos de aplicación da estatística son moi diferentes, pero os métodos que utiliza son sempre os mesmos, dando lugar á estandarización e automatización das técnicas en programas informáticos que apenas se diferencian entre si por aspectos como a capacidade, os costos, etc. Entre esta gran oferta que existe no mercado, atópase o programa SPSS, unha potente ferramenta para realizar análises estatísticos e un dos máis empregados no mundo académico e laboral. Por outra banda, o SPSS con todas as súas aplicacións tamén é recomendado en outros moitos campos de investigación como o das ciencias sociais.

Para os interesados en asistir

O curso Introdución ao programa estatístico SPSS conta con 20 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de preinscrición e ás que se poderá optar ata o vindeiro 31 de outubro, data na que rematará o período de matrícula. Para formalizar a reserva os interesados poden acceder a través da plataforma dixital da Universidade, Bubela, ou tamén pedindo información no teléfono 986813596 ou no correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es.