DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso está promovido pola Área de Innovación Educativa

Os docentes aprenden como empregar as novas ferramentas web 2.0 para o ensino

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 15/01/2008

A Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, a través da súa Área de Innovación comezou no campus o curso Aplicacións Educativas da web 2.0 dentro das accións formativas institucionais para este ano 2008. Ao longo das 20 horas de clases teórico prácticas o profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática e encargado de impartir o curso, Pedro Cuesta, achegará ao persoal docente da Universidade as novas ferramentas para crear e compartir contidos en Internet de xeito sinxelo e como aplicalo ao ensino para unha aprendizaxe cooperativa. As solicitudes superaron con creces a previsión e as 20 prazas ofertadas cubríronse na primeira semana de prazo.

A web 2.0

O obxectivo é dar a coñecer aos profesores “o novo mundo da web 2.0, a gran descoñecida. É unha nova versión da web con ferramentas de nova xeración gratuítas e accesibles a calquera usuario como youtube, wiki ou os blogs” explicou Cuesta.
Concretamente, no curso preténdese un acercamento a estes instrumentos dende a perspectiva da educación e como se poden introducir na Universidade e aplicarse ao ensino para mellorar a docencia ou a investigación. “Os marcadores sociais ou agregadores, por exemplo, son moi útiles para subscribirse a varias fontes e lelas á vez dende calquera canal” comentou Cuesta, “ou as wikis, que son páxinas como a Wikipedia editadas de xeito cooperativo. Estes son os eixos fundamentais ao redor dos que xira o curso, pero o gran protagonista é o blog”, engadiu. A través destas páxinas calquera pode publicar contidos de xeito fácil polo que teñen moitas posibilidades no eido educativo. “Queremos que os profesores se introduzan nese mundo e se animen a crear edublogs. Temos un grande exemplo en Daní Martí, que se converteu co seu, Comunisfera, nun referente en España” explicou.

A importancia das novas ferramentas no EEES

En canto ao grao de coñecemento da web 2.0 co que chega o persoal docente ao curso, Pedro Cuesta comentou que “en xeral a porcentaxe dos que a coñecen é moi pequena, incluso entre os profesores de Informática. Estase a empezar pouco a pouco, a importancia non é tanto das novas tecnoloxías senón das novas metodoloxías que implican” dixo. “Precisamente son moi útiles no proceso de cambio no que a Universidade está inmersa coa adaptación ao EEES que supón unha maior implicación do alumno, a colaboración, o desenvolvemento de proxectos e o fluxo de coñecementos que as ferramentas 2.0 facilitan” e engadiu que “son as web do usuario, das redes sociais erredor de intereses comúns”. A Universidade de Vigo está a introducirse no concepto de Universidade 2.0 que abarca todas estas novas ferramentas. Con cursos coma o que se está a celebrar no campus e que se repetirá en Vigo en febreiro, ou iniciativas como a creación da pioneira wiki UVigo 2.0 pretende posicionarse á vangarda tecnolóxica.

Uvigo 2.0