DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun dos curso organizados pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Os docentes do campus aprenden a manexar o procesador de textos científicos LaTex

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 19/05/2008

Co gallo de ensinar aos docentes o manexo do procesador de textos LaTex para a composición de documentos científicos, e de estimular o uso do devandito programa, a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza un curso inserido nas accións formativas institucionais da Universidade de Vigo para este ano. Impartidas polo profesor Ubaldo García Palomares, as clases desenvolveranse na aula de informática da Biblioteca Central a partir do 24 de xuño e ata o 16 de xullo en horario de 17.00 a 19.00 horas.
O curso Composición de documentos científicos co procesador de textos LaTeX é unha introdución ao programa que ten como finalidade divulgar as prestacións que brinda este procesador de textos para compoñer de maneira efectiva documentos científicos que inclúan fórmulas matemáticas, táboas, figuras e referencias bibliográficas.
Ao rematar o curso introductorio o participante debería ser quen de empregar os comandos máis usuais do LaTex na composición de material científico, buscar e analizar información actualizada sobre o programa, engadir paquetes e macros para mellorar a presentación do seu artigo e preparar unha base de datos bibliográficos para integrarlla.

Que é LaTex?

LaTex é un sistema de creación de textos especialmente orientado cara os técnicos e científicos. Está baseado nunha linguaxe de composición de baixo nivel chamado Tex e, fundamentalmente, consiste nunha colección de ordes ou macros que facilitan o emprego desta potente linguaxe. A diferencia doutros sistemas de procesamento de textos, non se obtén o resultado final conforme se vai escribindo senón que primeiro se crea un código fonte e logo se procesa para chegar ao documento. Neste sentido é similar ás linguaxes de marcas como o html, por exemplo, e permite a quen escribe un documento centrarse exclusivamente no contido, sen ter que preocuparse dos detalles de formato.
As súas vantaxes son que non existe outro sistema máis completo para a edición de textos científicos de calidade e ademais, ao ser software libre é gratuíto. No sistema operativo Linux vén instalado de serie, pero tamén hai versións para Windows.

Información para os interesados

O profesorado interesado no curso Composición de documentos científicos co procesador de textos LaTeX deberá inscribirse na plataforma dixital da Universidade, Bubela, antes do 23 de xuño. As 20 prazas dispoñibles cubriranse por rigorosa orde de solicitude, e os asistentes a máis dun 80% das 20 horas das que consta o curso recibirán un certificado de asistencia. Para máis información están dispoñibles o teléfono 986813596 e a dirección de correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es.