DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Os docentes prepáranse para aplicar as técnicas de aprendizaxe colaborativa nas aulas

Estudos demostran que esta disciplina mellora a capacidade de memorización e o interese dos alumnos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 14/05/2008

Fronte o reto de adaptarse canto antes ás esixencias do novo Espazo Europeo de Educación Superior, os docentes do campus prepararanse para aplicar as técnicas de aprendizaxe colaborativa nas súas clases, unha metodoloxía baseada na participación activa de cada membro dun grupo de cara a unha mellor asimilación e comprensión dos coñecementos. Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, a través da Área de Innovación Educativa, e baixo o título Técnicas de aprendizaxe colaborativa, mediante este curso achegarase ao profesorado as virtudes do ensino cooperativo para acadar unha aptitude positiva respecto á posibilidade de inserir estas estratexias na súa docencia. Ademais, para poder levar a cabo esta preparación, contarase coa participación de dous expertos na materia e membros da Universitat Politécnica de Catalunya: Javier Bará Temes e Joan Domingo Peña.

Dúas xornadas eminentemente prácticas

O obradoiro terá lugar os días 5 e 6 de xuño e está dirixido a todos os docentes da Universidade de Vigo que queiran adoptar as novas estratexias formativas que se están a implantar nas escolas e centros de todo o país. Ao longo destas dúas xornadas, o curso desenvolverase de xeito que o profesorado participante poida aprender a metodoloxía cooperativa utilizando as ferramentas propias deste tipo de aprendizaxe, é dicir, traballando en grupos e outorgando o menor espazo de tempo ás sesións expositivas ou teóricas.
Entre outros temas, os asistentes coñecerán exemplos reais de materias con programas baseados nesta técnica educativa en comparación con outras que seguen os sistemas tradicionais. Ademais, ao remate do seminario, cada equipo presentará a súa proposta dunha guía para unha programación dunha actividade colaborativa, logo de afondar nas características principais que rodean a esta disciplina e nos seus 5 ingredientes básicos.

A aprendizaxe colaborativa, a educación do futuro

A aprendizaxe colaborativa é unha filosofía, non só unha técnica para desenvolver nas aulas, que cada día está acaparando novos escenarios de actuación e pouco a pouco comeza a implantarse en todos os centros educativos a nivel internacional. En liñas xerais, esta metodoloxía incentiva a cooperación entre alumnos e profesores para coñecer e ampliar a información que cada un ten sobre un tema determinado. Isto lógrase compartindo datos mediante espazos de discusión reais ou virtuais, un dos principais eixos de actuación desta disciplina actualmente, nos que os estudantes deberán desenvolver unha tarefa en conxunto, algo que non poderían realizar individualmente.
Existen varias investigacións que demostran que a satisfacción dos rapaces é superior en ambientes de traballo cooperativos e que con estas técnicas se mellora a capacidade de memorización e o interese de cara ao aprendizaxe. Ademais, os costes deste sistema de instrución descenden en comparación cos métodos tradicionais baseados nunha formación orientada ao individuo.

Para os interesados en asistir...

O curso Técnicas de aprendizaxe colaborativa conta con 40 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de preinscrición e ás que se poderá optar ata o vindeiro 4 de xuño, data na que rematará o período de matrícula. Para formalizar a reserva pódese acceder a través da plataforma dixital da Universidade, Bubela, ou tamén pedindo información no teléfono 986813596 ou no correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es