DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe feito polo Observatorio Económico Ourensán

Os efectos da COVID-19 poderían afectar de forma directa na provincia a máis do 65% dos autónomos e ao 50% dos traballadores

O documento analiza o posible impacto desta crise no emprego

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 13/04/2020

O Observatorio Económico Ourensán, iniciativa froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, fixo pública este luns a súa primeira aproximación ao impacto potencial da crise do coronavirus no emprego provincial, subliñando como a maior afectación se daría en autónomos e micro empresas. En concreto, o informe conclúe que os efectos da COVID-19 poderían chegar a afectar dunha forma directa á ocupación de máis do 65% dos autónomos da provincia e ao 50% das e dos traballadores.

O informe do observatorio, indican en nota de prensa desde a Deputación de Ourense, recolle que “a afectación de autónomos e micro empresas será debida á existencia dunha maior concentración desta tipoloxía de ocupados nas actividades máis intensamente afectadas polo peche; á súa menor capacidade de resistencia e por tanto á súa maior vulnerabilidade económico-financeira; e á menor cobertura da que dispoñen moitos dos autónomos derivadas da súa elección de bases de cotización menores”. A estimación sobre o impacto potencial que podería chegar a ter o parón de actividade realizada polo Observatorio Económico Ourensán, coordinado por Andrés Mazaira, profesor da Universidade de Vigo, fíxose “empregando metodoloxías habituais para estes casos, tomando como cifras de referencia os 23.441 autónomos que, en termo medio, cotizaron na provincia de Ourense durante o pasado mes de marzo e a súa distribución por actividades e analizando dous escenarios posibles: un base e outro adverso”. 

Diferentes escenarios

Tendo en conta as posibles caídas da actividade por cada rama de actividade e en cada un dos escenarios e o seu impacto na posible caída potencial de afiliados, os expertos da entidade sinalan que “se se producisen todas estas reducións da actividade durante doce meses, a caída do emprego dos autónomos na provincia oscilaría entre o 54,3% no caso do escenario base (-12.720) e o 76,4 % no adverso (-17.905)”. Isto, detallan, “suporía que a caída potencial da afiliación durante cada mes que se manteña freada a actividade, se se desen de baixa todos os afectados no réxime de autónomos, equivalería a unha perdida estimada dun 4,5% da afiliación anual no escenario base, ata un descenso do 6,7% no escenario máis adverso. Se, tal e como se prevé, é de, polo menos, dous meses, situariámonos nuns efectos potenciais entre o 9% e o 12,7%, e así proporcionalmente”.
 
Estas cifras, indican en nota de prensa desde o órgano provincial, “permítennos facernos unha idea do efecto potencial de ocupados que poderían verse afectados pola crise do Covid-19” pero, engaden, “o mesmo informe do Observatorio Económico Ourensán recolle que non se chegarán a producir xa que a baixada de actividade non ten que traducirse automaticamente en baixas da totalidade dos autónomos afectados, sendo previsible que moitos deles fagan esforzos por manter a súa cotización, dependendo a súa incidencia final da duración da crise, da actividade de cada subsector, do potencial de resistencia financeira de cada autónomo e das axudas que reciban”.
 
En canto á incidencia potencial nos ocupados cotizantes no réxime xeral, a cifra potencial do impacto da crise da COVID-19, indican desde o observatorio, afectaría a unha porcentaxe entre o 40% e o 60% das e dos traballadores do devandito réxime, cun descenso potencial que podería chegar a ser, por cada mes de parón, do 3,3% no escenario base e do 4,8% no escenario adverso, por baixo das potenciais caídas en autónomos para os mesmos escenarios de descenso da actividade por sectores, o que ratifica que as actividades máis golpeadas pola crise tenden a ser, en maior medida, aquelas nas que a presenza de traballadores autónomos é máis relevante”.