DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os "Encontros Literarios" traen a Ourense aos escritores Juan Cruz, Luis Mateo Díez e Manuel Rivas

Organizados pola Vicerreitoría do campus de Ourense en colaboración co Liceo e a Deputación

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 16/01/2008

Juan Cruz, Luis Mateo Díez e Manuel Rivas volverán a poñer á cidade de Ourense no epicentro do panorama nacional literaio. A presenza destes tres autores nos Encontros Literarios pon de manifesto a calidade desta décimo oitava edición. Os Encontros están organizados pola Sección de Literatura do Liceo e pola Vicerreitoría do campus co patrocinio da Deputación e a colaboración da Fundación Carlos Casares. Precisamente, ao acto de presentación acudiron o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez, o presidente da Deputación, Xose Luis Baltar e os representantes do Liceo, Marcos Valcárcel, organizador dos Encontros e director da Sección de Literatura, o xerente, Jose Luis Troitiña, e o secretario, Segismundo Bobillo.
Os Encontros son financiados a través da Vicerreitoría do campus de Ourense “grazas ao diñeiro que recibe da Deputación. Eses fondos non teñen que inverterse só no campus, tamén deben abrirse á sociedade en xeral” comentou Gálvez que engadiu que “o mérito e o esforzo e do Liceo, que ano tras ano colabora con nós mantendo un nivel estupendo en canto aos participantes”. O vicerreitor, destacou tamén que “o éxito non é da Universidade ou do Liceo senón de toda a cidadanía. O importante é abrirnos a ela e facer cousas que revertan en todos e non só no noso propio beneficio” dixo.
Pola súa banda, Baltar chamou a atención dos presentes cara o feito de que “cando uns Encontros Literarios acadan tantas edicións é porque teñen categoría e contan co máis destacado do panorama da narrativa española”. Ademais fixo fincapé no feito de que “nos fondos que a Deputación dá á Universidade non interfire ninguén, eles son os que mellor saben das necesidades que hai e o que deben facer con eles. Por iso é de agradecer esa xenerosidade de poder investilos no campus e sen embargo dedicalos a una iniciativa para todos os ourensáns”. Tamén destacou que “o que acudan aquí escritores de renome e que queden contentos ten outra consecuencia, que se fale da nosa provincia e deixe de ser a eterna descoñecida”.

Os Encontros Literarios

Dende 1990 pasaron polos Encontros Literarios personaxes da elite da narrativa española. Marcos Valcárcel destacou a importancia de Carlos Casares, pai da iniciativa e participante en activo ata a data da súa morte, en 2002, na labor de “concentrar en Ourense escritores de todo o país co mesmo espírito que tiña el, tarefa que dende a súa desaparición conta coa colaboración de outras institucións como a Universidade, a Deputación, ou a Fundación Carlos Casares”.
Nestes últimos anos as conferencias xiran arredor dun tema central que neste caso son os Principios e vivencias dun escritor cando comeza a súa obra: o labor, os obxectivos ou as esperanzas que leva consigo toda creación.
A primeira das conferencias-coloquio da XVIII edición, leva por título La búsqueda de un libro en la biblioteca e terá lugar o vindeiro día 18 de xaneiro nas dependencias do Liceo. O encargado de impartila, Juan Cruz é, segundo Valcárcel, “un escritor e editor moi vencellado aos medios e que xa participou noutras edicións anteriores dos Encontros”.
O día 21, Luis Mateo Díez achegará ao público La novela y la vida. O escritor é “un dos máis grandes das terras leonesas, está no seu momento de maior madurez e recibiu o Premio Nacional de Narrativa así coma o da Crítica e é membro da Real Academia Española” explicou Valcárcel.
Pechará a edición o autor galego máis representativo do momento, Manuel Rivas. Segundo Valcárcel, a súa novela Os libros arden mal, “dentro duns anos estudiarase como unha das novelas de principios do século XXI que cambiou o rumbo das letras galegas”. A derradeira conferencia, que levará por nome A corpo aberto, terá lugar o 29 de xaneiro.