DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os malos resultados acompañaron en rugby e fútbol gaélico

Os equipos do campus retoman a competición con desigual sorte

As e os xogadores de baloncesto gañaron os partidos disputados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 14/01/2019

Esta fin de semana os equipos do campus de Ourense retomaron, despois do parón de Nadal, as súas respectivas competicións e fixérono con desigual sorte. Mentres en rugby e fútbol gaélico os representantes universitarios perderon os encontros disputados as e os xogadores de baloncesto conseguir arrancar o ano con vitorias. Ademais, tamén volveron á actividade o club de xadrez e as rutas culturais.

Derrotas fóra da casa

O Campus Universitario Ourense RC visitou ao AVK Bera Bera RT na xornada 14 do grupo A da división de honra B do rugby estatal. O resultado final, de 13-7, con derrota para o equipo universitario, mantén aos ourensáns no quinto posto da táboa, con oito vitorias e seis derrotas no que vai de competición.
 
Xa en fútbol gaélico, o Auriense Campus da Auga visitou o sábado a Irmandinhas e Irmandinhos da Estrada. O equipo feminino, con numerosas baixas, estivo a piques de levarse o encontro nun “partido igualadísimo, onde as xogadoras ourensás competiron a un nivel excepcional pero no que non tiveron sorte nos derradeiros minutos: Irmandinhas 3-14 (26) - Auriense 3- 11 (23)”, indican desde o Auriense. Polo que respecta á categoría masculina sinalan como “o Auriense mantívose no encontro practicamente durante 50 minutos, pero a maior presenza física do líder acabou por desequilibrar o choque: Irmandinhos 3-21 (30) - Auriense 3- 07 (16)”.  

Vitorias na casa

Xa en baloncesto, os equipos do campus de Ourense sumaron tamén esta fin de semana cadansúa vitoria nos partidos disputados na casa. A categoría masculina gañou 75-72 ao Sigaltec na primeira división autonómica, manténdose no primeiro posto da táboa con oito vitorias e unha derrota no que vai de liga. Na primeira división autonómica feminina, as xogadoras sumaron unha vitoria por 46-37 fronte ao Calasancias. Con este resultado mantéñense segundas na táboa, con oito vitorias e dúas derrotas.

Campionato de xadrez

Polo que respecta ao equipo de xadrez do campus, o domingo participou no campionato provincial absoluto. “Dos representantes do Universitario de Ourense cabe salientar a actuación de Miguel Reza que quedou entre os dez primeiros, concretamente sétimo”, comentan desde o club. O podio do certame, no que participaron arredor de 40 xogadores, estivo composto por Joaquín Bello, do Liceo, seguido polos xogadores do Xadrez Ourense Xacobe Conde e Mateo Díaz.

De novo en ruta

Por último, o sábado 12 de xaneiro tivo lugar a quinta andaina universitaria deste curso académico baixo o título Fortalezas e observación de aves e tendo como escenario O Baixo Miño, en Pontevedra. 70 persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo participaron nesta cita, coa que arrancou a programación deste ano de andainas universitarias. Cunha dificultade media-baixa e 17 quilómetros de percorrido, a ruta incluíu paradas interpretativas para coñecer construcións fronteirizas da zona, como o forte de Lovelhe e a fortaleza de Goián, así como unha actividade de observación de aves na contorna do esteiro do río Miño.