O club universitario participou con 210 deportistas e 15 equipos na competición autonómica
Os equipos da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo pechan a liga galega con tres terceiros postos
Un total de 210 deportistas de diferentes idades e 15 equipos representaron na presente tempada ao Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo nas diferentes categorías da Liga Galega de Xadrez. O club universitario pechaba nestes días a súa participación na competición autonómica, na que sobresaen os terceiros postos acadados polos seus equipos das tres principais categorías. No caso da División de Honor, o EXP Estratexia pola Paz chegaba á última semana do torneo como o único equipo con opcións matemáticas de arrebatarlle o título autonómico ao Xadrez Ourense. Mais unha derrota por 4-2 na casa do Xadrez Fontecarmoa A, de Vilagarcía de Arousa, fixo que o equipo capitaneado por Pablo García pechase a competición no terceiro chanzo, cun balance de seis vitorias, un empate e catro derrotas.
En Primeira División, tamén rematou terceiro o EXP-Ramón Escudeiro Tilve, resultado que lle permite ascender a vindeira tempada a Preferente, nova categoría da liga autonómica. No seu lugar o club universitario estará representado na primeira polo EXP-Concello de Pontevedra, que lograba co seu triunfo na última xornada situarse no terceiro posto da táboa clasificatoria. Así mesmo, o EXP-UVigo estivo representado tamén na liga autonómica por outros cinco equipos en Terceira División e seis na cuarta categoría. Nelas, tamén logrou o ascenso o EXP-UVigo, que competirá o vindeiro ano en segunda.