DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Disputaron esta fin de semana os partidos que foran aprazados pola chuvia

Os equipos masculinos de tenis da UVigo suman dúas novas vitorias

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 07/03/2022

Os dous equipos masculinos de tenis da Universidade de Vigo disputaron esta fin de semana os encontros que foran aprazados pola chuvia, acadando cadansúa vitoria.

No que respecta ao equipo masculino B de Primeira División, os universitarios medíronse ao Tenis A’Tobeira e acadaron un resultado a favor de 5(+1) – 1. O equipo formado por Pablo González, Mark Green, Jacobo Vilas e Alexandre Pérez conseguía, deste xeito, outros 2 puntos do ránking. Como explica o adestrador Jorge Comesaña, “Pérez como Vilas lograron imporse por un 61/62 e 61/63 respectivamente, mentres que o australiano Mark Green, perdía por un 67/67 nun axustadísimo resultado”.  De seguido foi a quenda do número 1 do equipo, Pablo Gonzalez, que conseguía o punto do 3-1 nos individuais ao gañar por 60/62”.

En dobres acadaron a vitoria as parellas formadas por González e Pérez e por Green e Vilas, “o que nos outorga un punto na diferenza de partidos gañados-perdidos”.

No que respecta ao equipo A da División de Prata autonómica, impúxose a un dos rivais máis forte e directos, o Tenis Gondomar, por un 5-2. O xogador portugués Manuel L Da Silva, Ignacio Lago e Pablo Romero conseguiron os 3 primeiros puntos cun resultado de 63/60, 75/76 e 60/64 respectivamente. Despois entraron na pista Yago González e Jaime Zapatero. O primeiro impúxose por 64 64, mentres que “Jaime pouco podía facer ante ao seu rival e perdía por 63 60, quedando nos individuais un resultado de 4-1 a favor”, como explica Jorge Comesaña.

En dobres competiron as parellas formadas por Jaime Zapatero-Yago González e Ignacio lago-Manuel L, sendo estes últimos os que conseguiron o punto da vitoria. “Xa co 5-2 a favor, os 2 puntos do encontro foron para o equipo visitante”.

Con este resultado o equipo da UVigo acada o primeiro posto da táboa.