DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de asesoramento celebrada este venres

Os equipos de orientación coñecen no campus as últimas novidades das ABAU e a oferta da Universidade

Organizada pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Estudantes
DUVI Ourense 17/01/2020

“Os estudantes teñen en Galicia tres universidades públicas nas que pór os ollos e nós queremos que non sexa por falta de información que non veñan á Universidade de Vigo. Queremos que esta universidade sexa a súa primeira opción”. Con este obxectivo en mente, explicou Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado, este venres arrancaron no campus de Ourense as xornadas de asesoramento para persoal orientador, organizadas pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria nos tres campus da Universidade de Vigo.

A iniciativa, dirixida especificamente a equipos de orientación e a equipos directivos de centros de educación secundaria, reuniu no edificio Politécnico a 17 persoas procedentes de diferentes centros da provincia de Ourense e terá continuidade o día 24 de xaneiro en Pontevedra e o 31 do mesmo mes en Vigo. “A idea destas xornadas é xuntar aos equipos de orientación, de institutos e centros de formación profesional, para darlles todas as novidades da ABAU e tamén da oferta académica da Universidade de Vigo e solucionar, en grupos pequenos, todas as dúbidas que poidan ter relativas á orientación do seu alumnado, que é tamén o noso futuro alumnado”, indicou Rodríguez Barcia.

Información en pequenos grupos

A primeira parte da xornada celebrada en Ourense permitiu ás e aos asistentes coñecer as novidades da ABAU e o seu proceso de inscrición e matrícula. Nela, Magdalena Domínguez, xefa de sección do SIE (Sección de Información aos Estudantes) da Universidade de Vigo, explicou modificacións nas probas de acceso como o cambio de día dos exames, que pasan a celebrarse martes, mércores e xoves en vez de mércores, xoves e venres, ou a modificación da revisión, “unificándose todo nun único proceso de solicitude”. Tamén fixo fincapé na súa intervención Magdalena Domínguez na importancia de que os equipos de orientación traballen co alumnado para que non comentan “erros comúns” tralas probas de acceso como “facer mal a preinscrición ou non respectar os prazos de chamamentos de matrícula”.  

Entre as e os orientadores que este venres se achegaron a participar nesta xornada estivo Lucía Rúa, orientadora do IES Xesús Taboada Chivite de Verín. “Viñemos para informarnos das novidades das ABAU e tamén para coñecer que actividades ten a universidade para a orientación dos nosos alumnos”, comentou. A xornada, indicou, permitiulles coñecer “os cambios bastante significativos” das probas de acceso, comentar dúbidas e valoracións e tamén coñecer a oferta da Universidade de Vigo. Como orientadores e orientadoras, apuntou, o seu obxectivo é que os seus estudantes coñezan “toda a oferta de titulacións que hai” pero tamén “o proceso” que teñen que seguir para estudar a carreira desexada.