DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do CPR Montesol de Vigo e do IES Xesús Taboada Chivite de Verín

Os equipos premiados en CinVigo 2026 mergúllanse na investigación de vangarda cunha estadía de dous días no CINBIO

A experiencia permitiulles coñecer de preto como se traballa nos diferentes laboratorios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 16/06/2026

O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, pertencente á Rede CIGUS, recibiu este luns e martes ao alumnado premiado na cuarta edición do festival científico ‘CinVigo. Ciencia na rúa’ para participar nunha estadía científica de dous días nas súas instalacións. Por cuarto ano consecutivo, esta iniciativa, promovida polo CINBIO coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-,  permite ao estudantado coñecer de primeira man o traballo que desenvolven os diferentes grupos de investigación do centro e vivir unha experiencia inmersiva no ámbito da ciencia. 

Nesta ocasión, participou, por unha banda, o alumnado do CPR Montesol de Vigo, recoñecido co Premio do Público de CinVigo 2026 polo seu proxecto Sabor e enerxía: enclaves da ría, que acadou o apoio maioritario da cidadanía a través das votacións do festival. Xunto a eles, tamén formaron parte da estadía alumnas do IES Xesús Taboada Chivite de Verín, vencedoras da categoría Teen Researchers (1º e 2º de Bacharelato) co proxecto Os incendios forestais: antes, durante e despois. Ambos os dous traballos foron distinguidos na IV edición de CinVigo, que reuniu a máis de mil participantes e arredor de 70 de proxectos científicos das catro provincias galegas.

Ao longo destas dúas xornadas, o alumnado tivo a oportunidade de percorrer laboratorios, participar en actividades prácticas e conversar co persoal investigador do centro. O programa incluíu sesións cos grupos de Inmunoloxía, Neurocircuits, Nanomateriais Magnéticos e Filoxenómica, que lles amosaron algunhas das súas principais liñas de investigación e as metodoloxías empregadas no día a día dos seus laboratorios. 

Descubrindo o día a día da investigación

A través desta experiencia, o alumnado achegouse a ámbitos tan diversos como o estudo do sistema inmunitario e as súas aplicacións; a investigación sobre os circuítos neuronais e o funcionamento do cerebro; o desenvolvemento de nanomateriais con propiedades magnéticas para aplicacións biomédicas; ou o estudo do ADN e a evolución das especies mediante ferramentas xenómicas avanzadas.  

Unha ponte entre a ciencia e as novas xeracións

Con actividades deste tipo, o CINBIO busca fomentar as vocacións científicas entre a mocidade e reforzar a conexión entre a investigación e a sociedade. A estadía constitúe, ademais, unha oportunidade única para que o alumnado premiado descubra de cerca como se constrúe o coñecemento científico e a innovación. 

“A visita enmárcase no compromiso do CINBIO por achegar a ciencia á cidadanía e recoñecer o esforzo do estudantado participante no festival CinVigo, ofrecéndolle experiencias que lles permitan seguir explorando a súa curiosidade e talento científico máis aló do festival”, subliñan desde a organización.