DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornada informativa sobre as múltiples posibilidades destes programas financiados pola UE

Os Erasmus Mundus ofrecen axudas entre 1000 e 2500 euros mensuais para realizar estadías internacionais

Os intercambios están abertos a alumnado, investigadores, docentes e persoal de administración e ser

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/01/2015

Un billete de avión ida e volta, custos de visado, seguro médico e unha mensualidade que pode variar entre os 1000 e os 2500 euros, dependendo de se o solicitante é estudante de grao, mestrado, doutoramento ou posdoutoramento, persoal académico ou administrativo. Esta é a axuda que recibirán as persoas que consigan algunha das prazas de mobilidade nun proxecto Erasmus Mundus, tanto nos dous que coordina a universidade viguesa, centrados ambos no ámbito das tecnoloxías sostibles - Erasmus Mundus GreenIT, co Norte de África, e Erasmus Mundus Green TECH WB, cos Balcáns occidentais- como nalgún dos outros nos que a institución académica viguesa é socia e que inclúen mobilidade con América Latina, África e Asia.

Contía das axudas, duración e tipo de mobilidade son só algúns dos aspectos nos que esta mañá se fixo fincapé nunha xornada informativa celebrada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e na que se ofreceu á comunidade universitaria información detallada sobre todas as axudas de mobilidade que ofrecen estes programas de cooperación financiados pola Unión Europea.

“Este tipo de proxectos poñen nas nosas mans múltiples opcións de mobilidade, tanto entrante como saínte”, destacou durante a xuntanza o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel J. Fernández Iglesias, que aproveitou tamén para subliñar que coa organización deste encontro a Universidade busca axudar a que a experiencia de mobilidade sexa o máis enriquecedora posible “tanto para os membros da nosa comunidade universitaria como para os que nos visitan”, subliñou o vicerreitor, que estivo acompañado por Rebeca Díaz e Ana Fernández Vilas, coordinadoras de Green IT e TECH WB, e Eva Garea, coordinadora técnica Erasmus Mundus.

Polo momento son máis os que chegan que os que marchan

Con posibilidade de estadías que van dende 1 a 3 meses para o persoal académico e administrativo ata os tres anos no caso dos investigadores que estean a realizar a súa tese de doutoramento, o prazo para presentación de solicitudes manterase aberto ata o 14 de febreiro, no caso de Green IT; o 20 no Green-TECH; o 6 de marzo en EuroInKANet, de mobilidade entre a UE e América Latina ou o 1 de febreiro no caso de EGovTN, de mobilidade entre a UE e Tunisia.

Con respecto ás cifras de mobilidade as responsables locais dos diferentes programas informaron que nas dúas convocatorias que xa se levaron a cabo ao abeiro do proxecto Green IT, financiado con 4,2 millóns de euros, a Universidade de Vigo recibiu nas súas instalacións a 29 persoas de diferentes países de África (Marrocos, Tunisia, Alxeria e Exipto) e enviou a estes destinos 11 estudantes, cinco docentes e un traballador de administración e servizos. Ao marxe disto houbo xa tamén unha primeira convocatoria de mobilidade específica con Tunisia, ao abeiro do programa EGovTN que trouxo ata Vigo 9 estudantes deste país do Norte de África e grazas a cal viaxaron ata alí un estudante e un PAS vigués.

Portas abertas á coordinación local de máis proxectos Erasmus Mundus

Agora con este tipo de xuntanza a Universidade busca, segundo explicou o responsable de Relacións Internacionais, incrementar a difusión destes programas entre a comunidade universitaria e axudar a que aqueles que non os coñezan se familiaricen coas diferentes opcións que poñen ao seu alcance para realizar unha estadía internacional, sobre todo en países extra comunitarios, e tamén as múltiples posibilidades de acoller docentes, investigadores e estudantes con orixe neses países.

“A participación como coordinadores nestes proxectos convértenos nunha referencia tanto no contexto europeo como nos países obxectivo, e abre as portas para coordinar futuros proxectos de mobilidade noutros eidos diferentes do tecnolóxico”, subliñou o vicerreitor, que lembrou que tanto Green IT como Green TECH WB, son tamén un bo exemplo co que amosar a capacidade da universidade viguesa na xestión da mobilidade internacional, “capacidade que por outra banda mellora ano tras ano ata o punto que este curso batéronse todos os récords de recepción de estudantes estranxeiros”.