DUVI

Diario da Universidade de Vigo

I Xornada da Comunicación

Os estudantes de Publicidade e Relacións Públicas coñecerán da man de expertos nacionais as novas ideas e tendencias do sector

Na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 05/12/2007

Os estudantes de Publicidade e Relacións Públicas terán a vindeira semana a oportunidade de debater sobre novas ideas e tendencias cun grupo de profesionais das mellores axencias de comunicación e publicidade do país grazas á celebración da I Xornada de Comunicación, organizada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra co obxectivo de “achegar ao campus a expertos nesta materia e familiarizar aos alumnos coas novas tendencias creativas e de traballo neste campo“, explicou a organizadora das xornadas e directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto.
Na inauguración das xornadas estarán o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández e a directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto, que presentarán aos dez protagonistas que darán contido a estas conferencias: Paco Conde, Cristóbal Fernández, Jorge Cubain, Laura Fuente, Blanca Fullana, Jordi Ballera, Jorge Peidro, Teba Lorenzo, Antonio Cortés e Xavier Caparrós.

Expertos de primeira liña

Os participantes na xornada son unha clara mostra dos mellores expertos a nivel nacional. Paco Conde é o director creativo da axencia, tan coñecida polos anuncios do Atlético de Madrid, Sra. Rushmore. Cristóbal Fernández, con dez anos de experiencia no sector, é desde 2005 o director da Área de Sensibilización Pública de Burson & Masteller , desenvolvendo labores de consultaría e programas de actividades no ámbito da comunicación corporativa. Laura Fuente desenvolveu a maior parte da súa carreira como organizadora de eventos para a axencia Globe ata que, no ano 2005, decidiu dar un xiro profesional incorporándose ao gabinete de prensa de Dewards, onde logo pasou a ser directora de contas. Na actualidade é a responsable de coordinación de El Sol, festival publicitario iberoamericano.
Formando parte do equipo de dirección de Edelman Internacional, tamén participarán Blanca Fullana e Jordi Ballera que compartirán cos asistentes as funcións propias de xestión e liderazgo que marcan o seu traballo diario, mentras que Jorge Cubain, como director estratéxico da axencia de medios Grey, explicará no relatorio Emocióname antes de venderme algo,  o uso estratéxico da emoción nas campañas publicitarias.
O éxito da última campaña publicitaria da cadea de supermercados Gadis, Vivimos como galegos, tamén estará presente nas xornadas coa participación de Antonio Cortés, director de Marketing de Gadisa. Desde un ámbito totalmente distinto participará tamén Teba Lorenzo, directora de ventas de Yahoo Ibérica, que exporá as principais liñas estratéxicas do seu traballo na compañía, así como das negociacións de alto nivel que mantén constantemente con centrais de compra de medios.
Jorge Peidro e Xavier Caparrós completan a lista de invitados. Peidro actualmente é o director da oficina de Madrid de Hill & Knowlton, pero na súa ampla experiencia no mundo da comunicación e o marketing, traballou como consultor para McDonald’s, Telefónica e BBC, entre outras. Pola súa banda Caparrós, director creativo da axencia Double You, é considerado un guru da publicidade.