DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo de Carlos e Ignacio Lago, das universidades de Vigo e Pompeu Fabra

Os éxitos dos equipos de fútbol melloran a percepción social sobre a inmigración

A investigación foi seleccionada nunha convocatoria do Observatorio Social de La Caixa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/01/2020

O éxito dun club de fútbol, ben sexa gañar a liga, ben sexa acadar un rendemento superior ao agardado polo seu orzamento, sumado a un maior porcentaxe de minutos disputados por xogadores estranxeiros, contribúe a unha mellor percepción sobre os inmigrantes e a inmigración da cidadanía na comunidade autónoma do equipo en cuestión. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado polo catedrático da Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade de Vigo Carlos Lago xunto ao seu irmán Ignacio Lago, catedrático de Ciencias Políticas da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona. A súa análise ten como base a combinación das opinións da cidadanía recollidas en oito edicións do European Social Survey cos resultados deportivos acadados polos equipos da máxima categoría do fútbol español, e foi seleccionada nunha convocatoria aberta polo Observatorio Social de La Caixa para a divulgación de investigacións sobre inmigración.

The glories of inmigration, how soccer wins shape opinion on inmigration é o título do estudo dos irmans Lago Peñas, investigadores asociados ao grupo GEN (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo, un dos oito seleccionados nesta convocatoria. A súa análise partiu dos datos recollidos, entre os anos 2002 e 2016, pola European Social Survey, unha enquisa que se fai cada dous anos nos diferentes países da UE e que reúne unha serie de datos “sobre a percepción que a cidadanía ten sobre moitos aspectos sociais”, como explica Carlos Lago. Concretamente, os investigadores centráronse nas opinións recollidas a máis de 15.500 españois nas oito edicións analizadas dunha enquisa que, explica, pregunta á cidadanía “a súa opinión sobre se a vida cultural vese enriquecida ou non polos inmigrantes ou se a inmigración é boa ou mala para a economía do país”. Estes datos cruzáronse á súa vez cos resultados da liga española nas diferentes tempadas que abrangue o período de estudo, tendo en conta, como explica o investigador, tanto a clasificación final como a relación desta co orzamento do equipo, así como o número de estranxeiros de cada equipo e os minutos disputados por estes.

Mellores resultados, mellor percepción

“O que atopamos é que cando os equipos teñen éxito, ben porque gañan a liga, ben porque teñen un rendemento máis alto do esperado polo seu orzamento, e ademais xogan moitos xogadores inmigrantes nese equipo, mellora a percepción positiva sobre a inmigración”, sinala Carlos Lago. Concretamente, os investigadores detectaron como a “percepción positiva” sobre a inmigración era máis elevada entre a cidadanía dunha comunidade autónoma cando un dos seus equipos gañaba a liga, algo que no período analizaron lograron o FC Barcelona, o Real Madrid, o Atlético de Madrid e o Valencia CF. “E esta é aínda maior cantos máis estranxeiros hai nun equipo e máis minutos xogan”, sinala Lago, que explica que esta mesma correlación detectouse tamén cando o factor analizado era o rendemento dos clubs, concretamente se o posto no que remataban a tempada era superior ou inferior ao que lles correspondería se os equipos se ordenasen en función do seu orzamento. Pola contra, Carlos e Ignacio Lago tamén detectaron o efecto contrario, xa que “cando un equipo non gaña ou obtén un rendemento peor do esperado e hai moitos xogadores inmigrantes que disputan moitos minutos, a percepción sobre os beneficios da inmigración cae”. 

O fútbol, “termómetro social”

España, lembran os investigadores no artigo, “é o terceiro país da Unión Europea con maior número de inmigrantes”, preto de 415.000, segundo Eurostat, no ano 2016, o último analizado nesta investigación. Ao mesmo tempo, o fútbol é “seguramente o produto de ocio máis relevante” nun país no que, segundo unha enquisa do Centro de Investigaciones Sociológicas, o 67% das persoas, preto do 78% dos homes e o 57% das mulleres, declárase seguidor dun equipo. A isto súmaselle ademais que conta cunha liga cunha elevada porcentaxe de xogadores estranxeiros, que na última tempada analizada, a 2015-2016, disputaron, como recolle o estudo, preto do 42% do total de minutos xogados. De aí que tentasen observar “como o fútbol regula ou modifica a percepción que se ten sobre os aspectos positivos da inmigración”, como apunta Carlos Lago, que, a raíz dos resultados, pon o acento no papel deste deporte como un “termómetro social”, que, máis aló do deportivo, “permite entender moitos aspectos da nosa vida cotiá”. De aí que defenda este deporte como “un grande espazo para a investigación”, ao tempo que recoñece “a dificultade” que ten atopar ese “punto de encontro, neste caso entre aspectos sociais e fútbol”, que marcou esta investigación. O artigo resultante, que será proximamente publicado nunha revista científica, foi un dos oito estudos seleccionados polo Observatorio Social de La Caixa, “nunha convocatoria moi esixente, xunto a traballos de gran calidade”, como sinala Carlos Lago, que destaca a vontade de transferencia do coñecemento desta iniciativa que implica a adaptación da investigación nun artigo divulgativo.