DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Debido á suspensión das proxeccións presenciais no Cineclube Padre Feijoo

Os filmes de ‘Docs del mes’ poderán verse en liña

As persoas interesadas terán que solicitar por correo electrónico o acceso de balde

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 26/01/2021

Debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, a programación de proxeccións de documentais da iniciativa Docs del mes pasa no campus de Ourense a ser exclusivamente virtual. As persoas interesadas poderán solicitar de balde o acceso a cada sesión deste ciclo de cinema documental coordinado pola compañía Parallel 40, que programa cada ano o visionado de dez filmes en máis de 70 cidades españolas.

Por terceiro curso académico consecutivo, o campus de Ourense participa nesta iniciativa xunto ao Cineclube Padre Feijoo. Tras desenvolverse a programación do primeiro cuadrimestre de xeito presencial, a idea de pór en marcha a modalidade virtual para este segundo cuadrimestre, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense, xurdiu como alternativa ante o feito de que o Cineclube Padre Feijoo, onde se celebraban ata o de agora as proxeccións, suspendeu a súa actividade presencial ata marzo. “Dado que a programación de Docs del mes continúa, decidimos ofrecer esta alternativa en liña ás persoas interesadas”, sinala Filemón Rivas. Para participar, as persoas que o desexen, sexan ou non membros da comunidade universitaria, deberán enviar unha solicitude ao enderezo electrónico docs-ou@uvigo.es e as 200 primeiras recibirán un enlace e un código necesarios para o visionado do documental na rede. O prazo para inscribirse para cada documental abrirase tras a proxección do anterior, estando actualmente aberto o prazo para solicitar ver o filme correspondente a xaneiro. O espectador ou espectadora terá unha marxe de arredor de 15 días para ver o documental elixido.

As tres primeiras citas de 2021

A historia de Ada, unha muller que con 19 anos foi violada tres veces na mesma semana por un home que coñecía constitúe o punto de partida de Lo que no te mata..., un documental que buscar contribuír á visualización, como sinalan desde a produtora, dun “fenómeno social moi amplo e aínda silenciado”, as violacións en contornas de confianza. Dirixido por Alexe Poukine, o filme acumula seis premios e a súa selección en máis dunha trintena de festivais desde a súa estrea en 2019.

En febreiro proxectarase un documental titulado Advocate e dirixido pola estadounidense Rachel Leah Jones e o francés Philippe Bellaiche. Céntrase na traxectoria de Lea Tsemel, unha avogada israelí “especializada na defensa de prisioneiros políticos palestinos”, segundo salientan desde a produtora. O filme, que formou parte da shortlist dos Oscar, estréase en febreiro en España no marco de Docs del Mes e afonda na figura de Tsemel a través da súa preparación das defensas de dous casos, o dun neno de 13 anos acusado de participar no acoitelamento dun mozo israelí e o dunha moza acusada dun “intento frustrado de atentado suicida”.

Xa en mazo, a programación continuará con The Letter, unha película dirixida por Maika Lekov e Christopher King, que narra a historia de Karisa, un mozo keniano que retorna a súa aldea natal cando sabe do perigo que atravesa a súa avoa tras ser acusada de bruxería, un problema que sofren neste país “centos de anciáns”.