DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do grupo peruano Churchill&Co

“Os Grumildos”, unha montaxe de monicreques xurdidos dos suburbios, inauguraron o ciclo de artes escénicas "Interzonas"

A representación continuará na noite deste venres na Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 04/04/2008

Son do mesmo tamaño que unha boneca pero o seu mundo é ben distinto. De cor roxo bordel e con caras deformadas, móvense polos suburbios, chámanse Grumildos e ocuparon a Casa das Campás na inauguración do ciclo de artes escénicas Interzonas. Trátase dunha montaxe de monicreques feitos con plastilina que se moven con fios e cun pequeno mecanismo de motores. Estes seres con corpos deformados viven no seu propio universo, O Cairo, onde todo está permitido, non está reservado o dereito de admisión e as marionetas cobran vida. A súa creadora é Ety Fefer, unha peruana que desde nena debuxaba estes pequenos monstros e que explica que “sempre sentín curiosidade por eses bares e lugares nos que tiña prohibido entrar”. A autora esta acostumada a que lle pregunten porque fai estas cousas ao que responde que “é un xeito de tratar este mundo con amor e humor”, explica Fefer.

A representación

Os Grumildos é unha montaxe de monicreques autómatas que se poden ver nun recorrido guiado por un presentador da compañía. Nunha escenografía na que se coida ata o máis mínimo detalle, a representación ten dúas etapas. Nunha primeira sala, neste caso a entrada da Casa das Campás, localízase unha banda de músicos zoomorfos en miniatura instalados dentro dun escenario semicircular. Aquí recíbese ao grupo e despois de observalos, se entregan pequenas lanternas e os espectadores son guiados a outra habitación independente onde se encontra a casa de Os Grumildos, a primeira creación de Churchill&Co. Esta ten a aparencia dunha casa de bonecas con 14 marionetas autómatas repartidas en distintos ambientes: o bar Cairo, o cuarto roxo, a sala de espera, a habitación branca e a azotea. Cada personaxe está en movemento e executando unha acción constante.

“Glamour” e suburbios nun mesmo espazo

O máis glamuroso da moda e o máis baixo dos suburbios xuntáronse na entrada da Casa das Campás cando, os participantes do ciclo Os Xoves de Moda, entraban na sede da Vicerreitoría para asistir á conferencia do recoñecido ilustrador Arturo Elena. Chamaba á atención o contraste producido ao ver ás alumnas da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Esdemga, sempre coas últimas tendencias, facendo o percorrido pola cidade de Os Grumildos, o máis baixo dos suburbios inspirado nun bar de Lima.

O mundo dos suburbios continúa

O espectáculo Os Grumildos a cargo da compañía Churchill&Co continuará na noite deste venres, 4 de abril, a partir das 21.00 horas para rematar coa primeira sesión do ciclo de artes escénicas Interzonas que, desde a Vicerreitoría do campus, estase a organizar para achegar as actividades da Universidade ao sector máis novo. Teatro, música, danza, performance e cabaré serán os protagonistas das restantes xornadas os días 10, 17, 24 e 30 do mes de abril.