DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este mércores

Os grupos de investigación do campus afondan nas oportunidades de financiamento europeo

O obxectivo é incrementar a captación de fondos do programa Horizonte2020

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/06/2019

Arredor de 40 investigadoras e investigadores do campus de Ourense déronse cita este mércores nunha xornada que tivo por obxectivo presentarlles as oportunidades de financiamento para 2020 que teñen en diferentes programas europeos, especialmente en Horizonte2020, o programa de financiamento da investigación e a innovación da Unión Europea.

A actividade estivo organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense coa colaboración do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca). Na súa inauguración, Enrique Barreiro, director do Campus da Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, salientou como “estas xornadas son moi necesarias para animar non só aos grupos de investigación a que se presenten ás convocatorias europeas senón tamén para facer ver a estes grupos as ferramentas que temos para facilitarlles acudir a elas”. A captación de fondos da UE, apuntou, “non é unha vía fácil, porque a taxa de éxito é baixa, pero é unha vía que hai que traballar”. Como coordinadora de Citaca, Ana Mª Torrado subliñou pola súa banda como “é moi importante aumentar o financiamento europeo” e conseguir “configurar solicitudes no ámbito da auga e a agroalimentación”. O campus, recalcou, “conta cun músculo investigador potente para afrontar este tipo de convocatorias”, facendo fincapé Ana Mª Torrado na importancia de artellar cada vez máis “solicitudes máis compactas, transversais e con máis posibilidades de éxito”.

Anxo Moreira, da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, e Alberto Rellán, técnico de proxectos de investigación para o Campus da Auga, foron os encargados de explicar en detalle as convocatorias europeas. Anxo Moreira presentou a estrutura do programa Horizonte2020, “as súas regras de xogo” e as oportunidades que haberá nel no que queda de 2019 e en 2020. Así, explicou como H2020 “ten unha estrutura de financiamento crecente no tempo, quedando pendente o último período, que é onde hai máis cartos e onde podemos intentar incrementar a taxa de éxito”. Se ata o de agora, indicou o técnico, houbo convocatorias nas que se financiou un ou dous proxectos por temática, nas convocatorias pendentes poden ser catro ou cinco. Preséntase polo tanto, sinalou Moreira, “unha boa oportunidade”. “O que queremos é animar aos investigadores a que presenten propostas ás convocatorias europeas, non só ás estatais ou galegas”, afirmou Alberto Rellán, que explicou ao público asistente á xornada as outras oportunidades de financiamento alén do H2020, como Interreg, Sudoe, Prima ou Cost.

Tomando exemplo

A xornada tamén contou coa intervención de David Fernández Calviño, que recentemente acadou financiamento do programa H2020 para o proxecto SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase). O  proxecto está financiado cun total de 6.999.888,75 euros, correspondendo á Universidade de Vigo unha subvención de 987.875 euros. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense por Fernández Calviño, da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, a iniciativa conta coa participación de 22 socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia participan, ademais da Universidade de Vigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez. El foi o encargo de explicar en primeira persoa como é o proceso de solicitude e consecución dun proxecto europeo.