DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase no Mercado do Berbés do 20 ao 22 deste mes de maio ás 20.00 h

Os investigadores Benito Vázquez, Pablo Izquierdo e Ana Ulla participarán na edición viguesa do Pint of Science

Achegarán ao público aplicacións prácticas da teledetección, a nanotecnoloxía ou a astronomía

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 15/05/2019

Os avances científicos, a investigación aplicada, a I+D... todo ten impacto na vida diaria das persoas, ás veces sen que se decaten e outras xerando debates e polémicas. A efectividade das vacinas, as posibilidades da nanotecnoloxía ou a existencia de vida noutro planeta son temas arredor dos que poden xirar conversas, por exemplo nun bar. Ese é o espírito do festival Pint of Science, que se celebra dende 2013, durante tres días simultaneamente en cidades de todo el mundo, entre elas Vigo, que participa por segunda vez. A finalidade desta cita é xerar charlas interesantes, divertidas, importantes, sobre as últimas investigacións científicas, nun formato accesible ao público nunha contorna distendida como a dun bar e da man de coñecidos investigadores. Como explican dende a organización “tanto a ciencia como os que a fan posible seguen a ser uns descoñecidos para o cidadán de a pé. Por iso, PoS pretende achegar os investigadores ao público, aproveitando o ambiente relaxado e amigable dos bares, para facilitar a súa interacción”, sinala Laurent Ladépêche, un dos tres coordinadores nacionais de PoS 2019.

A edición viguesa deste 2019 terá lugar no Mercado do Berbés do 20 ao 21 de maio ás 20.00 horas, con tres sesións da man de profesionais de varias institucións como por exemplo a Universidade de Vigo, que estará representada por tres docentes para achegar a ciencia á cidadanía: Benito Vázquez, Pablo Izquierdo e Ana Ulla.

Vacinas, xenética, loita contra incendios, nanotecnoloxía ou astronomía 

O festival arrancará o 20 de maio con dous convidados que abordarán temas relacionados co corpo e a saúde como as vacinas ou os avances na xenética humana. Para iso, o público poderá escoitar e conversar con Ángel Carracedo, docente da Universidade de Santiago de Compostela e referente internacional no campo da xenética e con Víctor del Campo, xefe do Servizo de Medicina preventiva do Hospital Meixoeiro.

Na segunda sesión, o martes 21 de maio, as e os asistentes poderán achegarse ás aplicacións prácticas da impresión 3D e da teledetección. Nesta xornada, o profesor Pablo Izquierdo, do Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos da UVigo, presentará o proxecto FireRS, que desenvolveu un sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite Cubesat (LUME-1); unha flota de vehículos non tripulados (UAVs) con cámaras no infravermello próximo e un software de modelado e predición de incendios. O segundo convidado é Vojislav Petrovic Filipovic, do Joanneum Research, que falará sobre mitos e verdades da impresión 3D ou fabricación aditiva, que ten aplicacións sen sectores tan diversos como o agroalimentario, biomédico, aeronáutico ou naval. 

Na derradeira xornada, o mércores 22 baixo o título De los átomos a las galaxias, serán outros dous investigadores da Universidade de Vigo os que acheguen o seu coñecemento no eido da nanotecnoloxía e da astrofísica. Jose Benito Vázquez, do Departamento de Física Aplica, falará da interferencia, un fenómeno propio das ondas que aparece a miúdo na vida cotiá, que se pode observar nunha película delgada de xabón vertical, o que axuda a comprender as interferencias construtivas e destrutivas nunha actividade práctica a escala nanométrica mediante a observación de espectaculares bandas de color (cian, maxenta e amarelo) que dependen do grosor da película. Os resultados poden relacionarse coa investigación metrolóxica en interferometría ultrasensible que se realiza na Universidade de Vigo. Pola súa banda, a profesora Ana Ulla cun relatorio titulado La Tierra vista desde α Centauri, explicará como se as astrofísicas do sistema α Centauri quixesen saber se o Sistema Solar hai vida, deberían facer fronte a problemas para detectarnos. Neste sentido, tamén relatará como entre os máis de 4000 exoplanetas detectados ata hoxe, a Terra pode ser usada como un potente laboratorio de investigación para a busca de vida no universo. 

Ademais, entre charla e charla de cada unha das sesións, as persoas asistentes poderán divertirse xogando ao trivial, con regalos sorpresa para as e os participantes.

En 400 cidades de 24 países

Esta 5º edición o festival Pint of Science celebrarase simultaneamente en máis de 400 cidades de 24 países dos cinco continentes. Do total de convidados, 313 son mulleres científicas, o que supón o 41% do total, co obxectivo de que na próxima edición se acade o 50%, segundo recoñece Xenia Villalobos, segunda coordinadora nacional de PoS 2019. No caso da edición viguesa, a organización conta coa colaboración do Cinbio e do Concello de Vigo como patrocinadores, ademais de Cientisol e a spin-off da Universidade Nanoinmunotech.