DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de decembro

Os IV Premios do Campus Auga distinguirán traballos de investigación, transferencia e divulgación científica

Están dotados con 3600 euros pola empresa Viaqua

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 02/11/2021

A convocatoria dos IV Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga, feita pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, xa está aberta. Estes galardóns pretenden estimular a promoción do Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense, distinguindo accións destacadas no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribuían a situar e consolidar este campus como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga. A dotación económica dos premios, que ascende a un máximo de 3600 euros, é proporcionada por Viaqua, no marco dun convenio de colaboración asinado entre esta empresa e a Universidade de Vigo.

A iniciativa enmárcase dentro da política de impulso e fomento do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga. Poden concorrer a calquera das modalidades dos galardóns persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo e o alumnado desta Universidade matriculado no curso 2019/2020 ou no curso 2020/2021 que cumpra os requisitos da modalidade do premio á que se presentan.

Cinco categorías

Os galardóns teñen cinco categorías: premio ao traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado; premio de investigación a teses de doutoramento; premio de investigación á mellor contribución científica; premio ao mellor resultado de transferencia e premio a accións ou actividades de divulgación científica. Enténdese por contribucións científicas aquelas que se realizan nos medios de difusión propios de cada ámbito de coñecemento, como poden ser artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías, recensións, etc. En canto a resultados de transferencia, enténdense como tales patentes en explotación, produtos ou servizos comercializados por algunha empresa, estudos e informes de impacto contrastado, sempre que fosen resultado dun proxecto ou contrato realizado na Universidade de Vigo. Ningún solicitante pode concorrer simultaneamente a máis dunha modalidade destes galardóns.

Unha comisión presidida polo director do Campus Auga avaliará as propostas presentadas. Os criterios de valoración dos méritos nos premios de investigación e transferencia serán o vencello con temáticas da auga; a orixinalidade e innovación no tratamento dos temas obxecto do galardón; a calidade, rigor e metodoloxía científica axeitadas ao problema exposto e a utilidade ou aplicabilidade social e científica e a factibilidade de achegar a resolución de problemas ou necesidades científicas ou sociais. No caso da categoría de divulgación científica os méritos a valorar serán o vencello con temáticas da auga; a creatividade no tratamento dos temas obxecto do galardón; a calidade, rigor e claridade da linguaxe empregada na divulgación científica e o impacto potencial ou factual da achega. Segundo a categoría, a contía do premio oscila entre os 500 e os 800 euros, suxeita ás retencións do IRPF que estableza a normativa vixente.

No marco dun convenio de colaboración

Os Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga convócanse ao abeiro dun convenio marco de colaboración asinado o pasado mes de outubro entre Viaqua e a Universidade de Vigo. O acordo dá continuidade ao existente anteriormente e o seu obxecto é “a posta en marcha dun conxunto de accións e iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso da xestión e tratamento de augas no ámbito docente e de investigación universitaria", centrándose as accións nas titulacións deste ámbito e no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga. Cunha duración de dous anos, o convenio contempla diferentes modalidades de colaboración, entre elas a convocatoria destes Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga.