DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Passages’ presenta unha serie de imaxes de espazos arquitectónicos baleiros

Os lugares de tránsito centran o novo libro da artista e docente Anne Heyvaert

Editado pola Fundación Didac e financiado pola UVigo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 31/03/2023

Corredores, escaleiras ou portas que dirixen cara outro punto, pasaxes que simbolizan o tránsito dun lugar a outro ou dun tempo a outro. Unha serie de espazos arquitectónicos baleiros constituíron a fonte de inspiración dos debuxos e imaxes que a profesora da Facultade de Belas Artes Anne Heyvaert reúne no seu novo libro Passages. “Son debuxos de espazos polos que pasei, que están reinterpretados, enfocados nesa idea de pasaxe”, sinala a artista e investigadora do grupo dx5 (digital & graphic art research), que reúne neste volume, editado pola Fundación Didac, unha serie de imaxes de espazos de tránsito realizadas a partir de cinco debuxos, que á súa vez, cambiando o foco, dan lugar a outras dez novas composicións.

Editado co financiamento da Universidade de Vigo, Passages presentouse na tarde deste xoves na sede da Fundación Didac en Santiago de Compostela, nun acto no que Heyvaert estivo acompañada pola artista, docente e doutora en Belas Artes pola UVigo María Prada e polo director da fundación, David Barro. “A palabra ‘pasaxe’ alude tanto a un ‘entre’ espacial como temporal. Pásase dun lugar a outro, de diante a atrás, de antes a despois; implicando ao espectador na secuenciación, nunhas idas e voltas entre as páxinas”, destacou a Fundación Didac dunha publicación realizada en risografía, “un sistema de impresión máis artesanal”, como recoñece a artista, que achega o volume á idea de obra gráfica. Non en van, unha das características das publicacións realizadas con este sistema de impresión son unha serie de “pequenas imperfeccións” nas diferentes copias, ás que se suma o feito de que Heyvaert intervén tamén retocando a man cada un dos 150 exemplares que compoñen esta primeira edición, de tal xeito que estas rematan sendo, recoñece, “obras únicas”.

O paso do tempo, dos lugares e das páxinas

O punto de partida das imaxes que a artista reúne neste traballo “son debuxos feitos. a partir de bocexos, apuntes e fotos de espazos polos que pasei”, de estancias ou espazos expositivos que a artista percorreu “mirando para o chan” ou centrando a súa atención “nas esquinas, nas portas, nos corredores, no percorrido da parede..”, explica. Partindo desa característica común de ser lugares que trasladan “dun sitio a outro”, esta serie de espazos foron reinterpretados en imaxes nas que a artista xoga “coas luces e sombras, para dalgunha maneira dirixir tamén a mirada”. Concretamente, Passages tivo como xerme cinco debuxos de espazos arquitectónicos baleiros que Heyvaert presentara previamente en diferentes exposicións. Cada un deles dá lugar neste libro a dúas imaxes a dobre páxina que presentan “reencadres”, que á súa vez levan á artista a xogar coa propio pregue da páxina. 

Deste xeito, Passages xorde tamén como unha “expansión” dunha publicación anterior, Plis-Pages, un libro de 2015 no que Heyvaert representa un “prego de papel que se vai abrindo e pechando sobre si mesmo”. O feito de que punto de partida dos libros sexa “un papel dobrado en dous” converte neste novo volume o propio pregado das páxinas “nunha intersección”, que a artista emprega para conformar “un xogo xeométrico e arquitectónico”, no que “o centro da composición” xoga coa dobre páxina, ao igual que “as paredes se integran e solapan coas páxinas" e as esquinas dos espazos convértense nas esquinas do papel, permitindo que as imaxes adquiran profundidade e tridimensionalidade. Deste xeito, o propio paso das páxinas conéctase con esa idea de pasaxe, con ese tránsito dun lugar a outro que súa vez vincúlase tamén co paso do tempo, “co antes e o despois” que implican tanto os lugares de tránsito como pasar as páxinas dun libro.