DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A especialización ambiental é o factor máis importante no seu proceso de adaptación

Os mamíferos terrestres xeneralistas resisten mellor as alteracións climáticas

Dúas investigadoras da UVigo participan no primeiro estudo que inclúe as 5000 especies deste grupo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 07/03/2022

Os mamíferos terrestres xeneralistas, é dicir, os que teñen capacidade de habitar en moitos ambientes, son os que resisten mellor as alteracións derivadas do cambio climático. Así o confirma unha investigación internacional liderada pola Universidad Complutense de Madrid na que participan dúas investigadoras da Universidade de Vigo: Sara Varela e Sara Gamboa, do grupo MapasLab. Este estudo, que é o primeiro que abrangue a totalidade das especies de mamíferos terrestres, demostra que a relación entre evolución e cambio climático depende da especialización ecolóxica das especies. É dicir, que a capacidade de habitar moitos ambientes, que é a que define ás especies xeneralistas, ou de habitar poucos, como fan as especialistas, é o factor máis importante na adaptación das diferentes familias de mamíferos terrestres e a súa evolución fronte ás alteracións climáticas.

O estudo, liderado Manuel Hernández, investigador do Departamento de Xeodinámica, Estratigrafía e Paleontoloxía da Universidade Complutense de Madrid, acaba de ser publicado pola revista Historical Biology e parte da hipótese formulada pola paleontóloga Elisabeth S. Vrba na década de 1980 sobre a especialización ambiental como elemento crucial para entender a evolución e diversificación das especies.

Como explica a investigadora da UVigo Sara Gamboa, este proxecto liderado por Manuel Hernández é a culminación do traballo de moitos anos do equipo de Paleclimatoloxía, Macroecoloxía e Macroevolución de Vertebrados da UCM, “pero que, ao longo dos anos e debido ás características da carreira científica, agora estamos en diferentes lugares”, como é o caso de Gamboa e da IP do MapasLab da UVigo, Sara Varela, que levan anos implicadas neste proxecto, participando tanto “en diversos debates teóricos e metodolóxicos como na redacción final do artigo”. 

Máis de 5000 especies

Este estudo é o primeiro que inclúe a totalidade das especies de mamíferos terrestres. Como lembra o investigador principal do proxecto, “xa tiñamos analizado algúns grupos en anteriores traballos, pero esta é a primeira vez que incluímos información de todas as especies de mamíferos terrestres, máis de 5000 repartidas en 153 familias, para examinar esta cuestión”. 

A información obtida permite confirmar que as especies xeneralistas, capaces de ocupar distintos biomas, que son grandes unidades ecolóxicas (como pode ser o bosque caducifolio) sofren menos as alteracións debidas a cambios climáticos, xa que son capaces de aproveitar recursos con distinto orixe, e poden manterse sen cambios durante longos períodos de tempo.  Pola contra, as especies especialistas, que só poden vivir nun bioma, vense moi afectadas polo cambio climático, que pode fragmentar as súas poboacións e diversificarse aínda máis. Segundo Hernández Fernández, “se esta fragmentación se mantén suficiente tempo como para que o fluxo xenético se interrompa entre elas, pode dar lugar á diferenciación dunha especie distinta en cada un deses fragmentos poboacionais. Isto reflíctese nunha sobreabundancia de especies especialistas sobre as xeneralistas”. Porén, engade o investigador, esta maior capacidade de diversificación ten a contrapartida dunha maior vulnerabilidade ante os cambios climáticos.

Os biomas extremos, máis favorables á diversificación

Neste estudo, ademais da Complutense e Vigo, participan as universidades de Santiago de Cali, Alcalá, Oviedo e Castilla-La Mancha, así como o Museo Nacional de Ciencias Naturales (CSIC), Museo de Historia Natural de Berlín e a empresa Transmitting Science. O equipo recolleu datos de distribución de cada especie, considerando que biomas habitan. Isto permitiu, ademais de corroborar a hipótese inicial, establecer que certos biomas representan lugares especialmente favorables para a diversificación de especies especialistas. “Trataríase dos biomas que se sitúan nos extremos climáticos do noso planeta, que sofren maiores alteracións a causa das variacións no clima terrestre”, indica o paleontólogo da UCM. Entre eles estarían as selvas ecuatoriais (extremo cálido-húmido), os desertos subtropicais (cálido-seco), as estepas (frío-seco) e as tundras (frío-húmido)”. 

Os investigadores tamén puideron observar unha gran variabilidade entre as distintas familias e biomas, asociada á heteroxeneidade ambiental destes, así como á historia evolutiva e as diferencias fisiolóxicas de cada familia, que condicionan a capacidade das súas especies para sobrevivir ou colonizar un novo bioma. “Isto débese a que, ademais da especialización ecolóxica, os procesos de diversificación asociada aos cambios climáticos tamén se deben ver afectados por outros factores, os cales aínda estamos lonxe de entender plenamente”, como puntualiza Emilia Galli, coautora do traballo e tamén investigadora da UCM.

Homenaxe a Jorge Morales

Ademais da importancia científica, este estudo ten unha compoñente emotiva, xa que como explica Sara Varela, o proxecto nace como unha homenaxe a Jorge Morales, durante moitos anos xefe do Departamento de Paleobioloxía do Museo Nacional de Ciencias Naturales, con motivo da súa xubilación. Este paleontólogo tamén dirixiu as escavacións do Cerro de los Batallones, “un xacemento de conservación excepcional no que se atopan fósiles dos mamíferos que ocuparon o centro da península ibérica hai uns 9 millóns de anos”, engade Sara Gamboa. Precisamente nese lugar foi onde a investigadora da UVigo tivo o seu primeiro contacto real coa paleontoloxía no ano 2009 “e foi un punto importante no desenvolvemento da miña vocación científica”. Destaca Gamboa que o traballo que se desenvolve nesta escavación, aberta ao alumnado universitario, “supuxo unha experiencia magnífica para centos de estudantes durante décadas e contribuíu a formar especialistas e a concienciar ao público xeral sobre a importancia do patrimonio paleontolóxico”. Tamén Sara Varela coincidiu con Jorge Morales no Museo Nacional de Ciencias Naturales, onde a investigadora da Universidade de Vigo realizou a súa tese de doutoramento.

Por outra banda, o autor principal do artigo, Manuel Hernández, foi o director da tese de doutoramento de Sara Gamboa. Del destaca o seu “enfoque multidisciplinar á hora de estudar a evolución, que seguramente se debe ao feito de ser un biólogo rodeado de especialistas en xeoloxía”. Hernández ten publicado os seus traballos nalgunhas das mellores revistas científicas do mundo e que a súa carreira, segundo Gamboa, estivo marcada “pola súa capacidade para ensinar e mentorizar. Baixo a súa tutela, e a doutros profesionais, formouse toda unha xeración de especialistas en paleontoloxía que agora desempeñamos o noso traballo ao longo e ancho da xeografía española e europea e na que destaca a alta porcentaxe de mulleres, reflexo dun compromiso coa igualdade”, conclúe.