DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este xoves e venres no Parador de Muxía

Os máximos responsables da Axencia Tributaria, Renfe e Portos analizan na XI Reunión do Foro Económico os retos dos seus departamentos

Contou coa participación de máis de medio centenar de especialistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 22/04/2022

O Parador de Muxía (A Coruña) acolleu este xoves e venres a celebración da XI Reunión Anual do Foro Económico de Galicia, entidade coordinada desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen). Nela, máis de medio centenar de especialistas, académicos, empresariado, responsables da administración pública e entidades bancarias reuníronse co obxectivo de realizar “unha profunda análise sobre os retos aos que se enfronta Galicia”. Na segunda e última xornada, celebrada este venres, os máximos responsables da Axencia Tributaria, de Renfe e de Portos do Estado analizaron os desafíos dos seus departamentos.

O director da Axencia Tributaria (AEAT), Jesús Gascón, impartiu a conferencia Retos da Administración Tributaria nun contexto de cambio, que foi presentada por Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia. Na súa intervención, indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, Gascón recalcou que un dos problemas máis importantes da Axencia Tributaria é a falta de profesionais informáticos. A xestión e a atención ao usuario, indicou, vese dificultada porque neste momento conviven distintos perfís de usuarios, o que só quere unha atención en oficina e o que só usa a atención telefónica ou telemática. Antes da pandemia, apuntou na xornada, a Axencia Tributaria tiña un millón de visitas mensuais en sedes, agora máis dun millón son consultas telefónicas e 500.000 en sedes, nesta campaña da renda. Con respecto á necesidade de conseguir equilibrios no sistema tributario, Jesús Gascón considerou que se se quere avanzar neste equilibrio será necesario establecer fórmulas de compensación aos máis afectados, é dicir ás rendas máis baixas.

A segunda intervención da mañá deste venres realizouna o presidente de Renfe, Isaías Táboas, que fixo un repaso aos principais retos da compañía. Táboas  insistiu en que a entidade que preside está traballando nos programas de mellora, entre eles o Cronos, nos servizos de Cercanías, xa implantado nalgunhas cidades e que permitirá utilizar a tarxeta bancaria para o pago na rede ferroviaria de transporte de pasaxeiros.

Por último o secretario xeral de Portos do Estado, Álvaro Sánchez, afirmou na súa intervención que o gran desafío é retirar camións das estradas e pasalos ao ferrocarril, segundo indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia. Sánchez Manzanares recalcou que se queremos levar a cabo políticas de sostibilidade, debemos cambiar o sistema de transporte de mercadoría e optar polo ferrocarril.