DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na ETSE de Telecomunicación os días 29 e 30 de novembro

Os modelos matemáticos constitúen unha nova e importante ferramenta para predicir a propagación dos incendios forestais

60 científicos debaterán en Vigo sobre a utilidade dos modelos de simulación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/11/2007

Os modelos de simulación matemática constitúen unha ferramenta nova e efectiva para predicir a evolución do lume nos incendios forestais. Para facelo, estes programas informáticos valoran a relevancia, en cada caso, das condicións orográficas, de vexetación e atmosféricas, de xeito que, nun tempo moi reducido se pode determinar un patrón de evolución do lume.
No caso de Galicia, estes métodos matemáticos poden ser moi útiles para diminuír a incidencia dos incendios forestais e a devastación que traen consigo. Para potenciar as liñas de investigación neste campo e poñer en valor estes modelos de simulación, a vindeira semana no campus de Vigo terá lugar un workshop sobre Modelización matemática e simulación numérica da propagación de incendios forestais. Segundo o profesor do Departamento de Matemáticas Aplicada II, José Durany, “ademais de ser un congreso sobre simulación, pretendemos reunir nestes días a responsables da Administración Pública, sobre todo do contexto galego, para sensibilizalos e explicarlles que se pode facer mediante a análise da propagación dos incendios”. Por estes motivo, congreso contará coa presenza de representantes das Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
O workshop, que se celebrará os días 29 e 30 destes mes de novembro, contará coa presenza de arredor de 60 investigadores, científicos e xestores, “dos cales 40 son españois e 20 estranxeiros”.

Unha ferramenta de predición adaptada a cada incendio

Estes programas baséanse na formulación, análise e resolución numérica de modelos de combustión para a simulación da propagación de incendios forestais baixo diferentes condicións. Segundo Durany “trátase de poder determinar cara a onde se vai propagar o lume e, coñecendo este esquema, a información pode ser tamén valiosa para reorientar as políticas de reforestación”. O obxectivo final é un código matemático que en función das condicións do terreo e a climatoloxía permita simular nun ordenador en tempo moi reducido a evolución do foco de lume. Este sería de gran importancia á hora de tomar as decisións precisas en cada momento para a extinción e para a planificación forestal do terreo.
Estes métodos matemáticos xa se aplican en outros países, polo que neste workshop tamén se intentará coñecer a experiencia de grandes especialistas neste tema para que expoñan as súas achegas nunha serie de conferencias plenarias. Trátese así, de confluír cos escasos aquipos españois que traballan na propagación de incendios dende a perspectiva da combustión, modelos numéricos ou simulacións en ordenador, dándolle un impulso cuantitativo e cualitativos a este ámbito.
Por outra banda, dende a Universidade de Vigo, a organización pretende achegar este tema aos mozos investigadores e alumnos de programas nacionais de posgrao relacionados coa matemática aplicada.

Web do workshop