DUVI

Diario da Universidade de Vigo

De Galicia, España e outros países alén do Atlántico

Os movementos galegos do século XX centran o I Encontro Internacional sobre Migracións e Globalización

Cada xoves haberá unha conferencia en Ourense ata o 29 de novembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI DUVI 18/10/2007

Divulgar e debater sobre os temas migratorios e as migracións máis recentes é o espírito co que hoxe deu comezo o I Encontro Internacional sobre Migracións e Globalización. Unha iniciativa xurdida tras o traballo do grupo de investigación “América”, da Área da Historia de América do Campus de Ourense, e que foi coordinado polo profesor Xosé Ramón Campos: “Ata o 29 de novembro, falaremos cada xoves da migración galega dende o punto de vista histórico, especialmente dende 1870 ata o século XX".
Con todo, os movementos galegos cara outras terras non serán os únicos a tratar, senón que tamén se abordarán casos doutras rexións de España e doutros países alén do Atlántico. De feito, os conferenciantes da primeira sesión, Juan Ríal Roade e Carina Perelli, asistiron hoxe ao Salón de Graos do Edificio de Ferro dende Uruguai para pronunciar os seguintes relatorios: “Migracións e remesas. Unha política de alivio da pobreza non esperada”, e “O voto no estranxeiro. Diversas experiencias"
Gratuíto e patrocinado pola Secretaría Xeral de Emigración, o encontro proporcionará un crédito de libre elección aos alumnos matriculados, arredor dun centro.
Por último, o coordinador anunciou as perspectivas de futuro: “Xa o di o propio título, é o primeiro encontro, pero tentaremos darlle continuidade incluíndo as inmigracións dentro do proceso de globalización”, xa que segundo a súa opinión, é preciso analizar nas seguintes edicións as novas pautas das migracións internacionais. “Un exemplo atopámolo no noso país, onde pasamos de ser emigrante a ser un dos principais receptores de inmigrantes durante os últimos anos”, afirmou Campos.