DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mestra Carmen Quinteiro relatou as súas experiencias neste eido nun coloquio virtual

Os museos como unha aula fóra da escola

Nunha actividade dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/10/2020

Desde hai seis anos, a profesora do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro desenvolve, con nenos e nenas de educación infantil e primaria, unha actividade á que deu o nome de “mércores de arte” e que a leva a visitar cada semana co seu grupo de alumnos diferentes museos ou espazos expositivos. “Trátase basicamente do que se chama aula exterior; saímos fóra da escola, porque fóra pasan cousas”, relata. Nomeada aos Premios Educa Abanca 2020 aos mellores docentes de España, Quinteiro protagonizou na tarde deste mércores un coloquio virtual co alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. Aula aberta ao exterior: aprendizaxe nos museos era o título desta actividade, organizada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo e patrocinada pola Vicerreitoría do campus, que tiña como obxectivo achegar ás futuras e futuros docentes unha experiencia “que está funcionando moi ben” e que permite, como sinalou Quinteiro, traballar cuestións “totalmente transversais” cos nenos e nenas.

Neste coloquio virtual, Quinteiro afondou no proceso de preparación das visitas que cada semana realiza co grupo de nenos e nenas co que puxo en marcha esta actividade cando eran alumnos de infantil e cos que a continúa desevolvendo na actualidade en primaria. “Visito eu antes a exposición para facerme unha composición de lugar e ver que é o que podo aproveitar”, relatou a mestra, que concreta nesta planificación previa “unha ou dúas actividades” a desenvolver, “aínda que moitas veces modifícanse no propio momento, cando a oportunidade vira cara outro lado”. Nese senso, as visitas, como a que recentemente realizaron á exposición dedicada á Xaime Quessada no Museo de Pontevedra, levan ao alumnado a tentar localizar na sala unha obra previamente escollida na aula, “a dicir cal é o cadro que máis lles gustou e por que, promovendo así un pensamento primeiro reflexivo e despois crítico”, ou a “sentarse a debuxar que é o que interpretan das obras”. Así mesmo, un dos aspectos nos que con maior frecuencia traballan, engade, é no das emocións, “fixándose na expresión das personaxes, reflexionando sobre que pensan que está a pensar ou xogando a representar nós un cadro”.

Quinteiro puxo en valor o positivo desta actividade á hora de que os nenos e nenas poidan no futuro asociar estes espazos culturais “cunha emoción positiva que tiveron antes”. Mais ao mesmo tempo quixo trasladar ao alumnado a idea de que “non se trata dun método”, convidándoos a reflexionar “sobre que tipo de mestres e mestras queren ser”, para logo xerar propostas a partir das súas actividades e intereses. Este coloquio virtual, explicou Lareo, idearase inicialmente como unha “actividade máis complexa”, na que o coloquio se vería complementado pola participación de grupos de estudantes nalgunha das visitas e na súa preparación previa, o que finalmente non poderá levarse a cabo por mor da situación sanitaria.

Prácticas e oposicións

Na colaboración que Lareo e Quinteiro manteñen desde hai anos insírese tamén un coloquio virtual sobre prácticas e oposicións, dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria, programado para o 10 de novembro. A idea, sinala Lareo, é “facerlles ver a importancia que teñen as prácticas como un período de aprendizaxe”, á vez que abordar “todo o camiño que teñen que seguir desde que acaban a carreira ata que conseguen un traballo”, a través da experiencia de Quinteiro e da tamén mestra e egresada da facultade Alba Vidal.