DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No concurso 'Univisión', que esta tarde celebrou a súa final de forma virtual

Os nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I poñen nota ás actuacións musicais do alumnado do Grao en Educación Infantil

Avalían os vídeos nos que o estudantado interpreta cancións en inglés

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/05/2021

Nas últimas semanas, 22 alumnos e alumnas de terceiro de primaria do CEIP A Xunqueira I sumaron ás habituais actividades que desenvolven na aula unha tarefa diferente, avaliar os preto de 40 vídeos nos que estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte interpretan cancións en inglés, acompañadas das súas correspondentes coreografías. As puntuacións outorgadas decidiron de feito cales son as once gravacións que compiten na final de Univisión, que se desenvolve na tarde deste venres de xeito virtual e na que, acompañados polas súas familias, nenos e nenas exercen como xurado deste concurso promovido pola profesora da facultade Inés Lareo xunto coa docente do A Xunqueira I Carmen Quinteiro.

73 estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte participaron nunha actividade que se insire na materia Idioma estranxeiro: inglés, do Grao en Educación Infantil, e que dá continuidade á primeira edición de Univisión, que tivo lugar no mes de decembro, tamén co grupo de alumnos que titoriza Quinteiro como xurado. Nesta ocasión, explica Lareo, o alto número de vídeos presentado obrigou a cambiar a organización deste concurso, de tal xeito que, desde mediados de abril, os nenos e nenas foron cada día avaliando na aula as diferentes gravacións. Os estudantes do CEIP A Xunqueira I, de feito, acordaran xa previamente coas docentes, “os aspectos que querían avaliar”, de tal xeito que de cada vídeo puntuaron a inclusión de lingua de signos, por contar na aula cunha alumna con problemas auditivos, o entusiasmo dos e as participantes, o seu ritmo e coordinación, o uso de tecnoloxía e o vestiario e disfraces empregados. As cualificacións obtidas nunha actividade na que cada membro do xurado exercía como “especialista nun dos temas a puntuar” definiron os once finalistas deste Univisión. Spring Edition, que os universitarios e universitarias non coñeceron ata a propia final. Nela, nenos e nenas seleccionaron como gañadoras a Laura Pascual e Fátima Rodríguez, coa canción You'll always find your way home. "Para o estudantado do grao é un baño de realidade. É a primeira vez que se poñen diante dos seus futuros alumnos e enriba para ser examinados”, salienta Lareo.

Diferentes oportunidades de aprendizaxe para cada grupo

O obxectivo desta actividade, engade a docente do campus pontevedrés, é que o alumnado mellore o seu dominio do inglés, xa que “cantando aprenden a pronunciar moito mellor”, pero, principalmente, contribuír a “que perdan a vergoña” á hora de empregar este idioma en público. Do mesmo xeito, búscase tamén que “exerciten a súa linguaxe corporal e o seu entusiasmo”, a través dos bailes e coreografías, así como a súa creatividade, co obxectivode que “poidan saír de situacións complicadas con enxeño”.

Ao mesmo tempo, esta actividade contribúe tamén a que os nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I poidan traballar “o sentido crítico, as matemáticas, a argumentación, a valoración do traballo de outros, a expresión, tanto escrita como oral, ou a organización”, salienta Lareo. “Son poucas as ocasións nas que aos menores se lles permite xulgar o traballo dos maiores”, engade Quinteiro, que destaca o positivo de que esta actividade permita achegar esta perspectiva ao seu alumnado. “O grupo, ademais de entender e interiorizar que as persoas adultas poden facelo mellor ou peor do esperado e que non pasa nada, tamén interioriza que o seu criterio é válido, útil e ten a forza e o peso suficiente para ser determinante nun concurso”, salienta Quinteiro.