DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o experto da Universidade de León, Fernando Santamaría

Os novos entornos virtuais permiten ao alumnado ter o control da súa aprendizaxe

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 18/04/2008

Co fin de explicar o momento no que nos atopamos socialmente respecto á rede e afondar na segunda ola de entornos virtuais que permiten que o alumnado controle e xestione a súa propia aprendizaxe, Fernando Santamaría, profesor do Departamento de Matemáticas da Universidade de León, impartiu a charla, Máis alá da Aula Virtual: entornos persoais de aprendizaxe? .O relatorio, que se enmarca no ciclo de conferencias Innovación docente nas titulacións de informática de cara ao EEES que organiza a Escola Superior de Enxeñaría Informática, tivo lugar no salón de graos do Edificio de Ferro e foi retransmitido en directo pola UVigo Tv.
“Os estudantes actuais teñen unhas características especiais xa que son, o que denominamos, nativos dixitais. Por isto, temos que adaptar a nosa metodoloxía de ensino aos novos tempos e máis tendo en conta as esixencias que nos presenta a converxencia europea” explicou Santamaría. “Os principais entornos de aprendizaxe, de segunda ola, como poden ser o Personal Learning Environment PLE e o portafolios electrónico, non son aplicacións. Son sistemas que axudan aos propios alumnos a tomar o control da súa aprendizaxe e a xestionalo de xeito natural” dixo. “Teñen por tanto”, engadiu, “que dar soporte aos estudantes para determinar os seus propios obxectivos, xestionar os contidos e o proceso de aprendizaxe, permitir comunicarse con outras persoas inmersas no mesmo proceso, e permitir ir máis alá dos entornos virtuais de aprendizaxe institucionais”.
Para conseguilo, “integramos diferentes ferramentas da web 2.0, como poden ser o arquivo de imaxes Flickr, os blogs, ou os Google Groups, por exemplo, pero sempre cunha metodoloxía detrás” explicou, “xa que hai que entender que neste xeito de aprendizaxe, o foco das plataformas son os alumnos. Non son ferramentas centradas nun curso. Neste sentido, encaixan á perfección co espírito do EEES” matizou.
Outro factor importante que destacou Santamaría foron, “as comunidades de práctica que se crean en torno a un interese común, mesturando tecnoloxías e desenvolvendo contidos nos que todos participan engadindo enlaces, etiquetas ou comentarios” dixo, “porque a interrelación e a comunicación son as cuestións clave para desenvolver a aprendizaxe”.