Este mércores ábrese a inscrición en cinco cursos dirixidos ao conxunto da cidadanía
Os obradoiros do campus permitirán iniciarse en escalada, identificación de cogomelos, cerámica, creación de tapices e reparación de libros
De entre 22 e 30 horas, desenvolveranse entre outubro e xaneiro
Aberta ao conxunto de cidadanía, a oferta de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría de campus permitirá iniciarse nos próximos meses na escalada en rocódromo, na creación de tapices cunha pistola eléctrica, no traballo coa cerámica, na reparación de libros e na identificación de cogomelos. Entre este mércores 16 de setembro e o 5 de outubro permanecerá aberta a inscrición nestes cinco talleres de entre 22 e 30 horas, que se desenvolverán en diferentes centros do campus entre os meses de outubro e xaneiro.
En conxunto, esta programación oferta un total de 54 prazas, debendo realizarse a matrícula a través da plataforma Campus Activo. Os obradoiros teñen un prezo de matrícula de 26 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria, de 32 para outros colectivos vinculados á UVigo e de 40 para o resto da cidadanía, estando recoñecidos cun crédito ETCS por cada 25 horas.
Cerámica, libros e tapices
Tres destas propostas terán lugar nos próximos meses na Facultade de Belas Artes. A primeira en poñerse en marcha neste centro será a segunda edición de Iniciación a cerámica, un obradoiro práctico no que as persoas participantes aprenderán o proceso completo de creación de pezas cerámicas, desde o amasado da arxila ata a decoración final. Impartido pola profesora Covadonga Barreiro e a egresada da facultade e técnica en Escultura Teresa Pece, desenvolverase entre o 15 de outubro e o 3 de decembro e permitirá afondar nas técnicas básicas de construción e decoración de pezas.
Xa no mes de xaneiro, Belas Artes acollerá a primeira edición do Obradoiro de reparación de libros, dirixido polo técnico José Ángel Zabala e enfocado principalmente á formación do persoal das bibliotecas. Cun formato eminentemente práctico, este obradoiro desenvolverase entre o 11 e o 22 de xaneiro e permitirá ás persoas participantes aprender a diagnosticar e solucionar os principais danos dos libros. Con ese propósito, afondará en cuestións como os diferentes tipos de encadernación e no manexo de ferramentas e materiais específicos, realizando reparacións básicas en follas e gardas rotas, lombos desgastados ou tapas despegadas.
Para o mes de xaneiro tamén está prevista a segunda edición do curso Iniciación Tufting gun, un taller de iniciación teórico-práctico no manexo dunha pistola que permite tecer alfombras ou tapices sobre unha tea tensada sobre un bastidor. O artista e docente Marcos Covelo e a deseñadora de moda e estudante de doutoramento Miriam Cartagena serán os responsables de impartir un obradoiro que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de xaneiro e que combinará a abordaxe práctica dunha técnica que combina artesanía, tecnoloxía e creatividade coa análise de artistas contemporáneos que empregaron o téxtil como forma de expresión plástica.
Micoloxía e escalada
Outra das iniciativas que repite presenza na programación de obradoiros do campus é o curso Identificación de cogomelos nivel I, dirixido a dotar ao alumnado das competencias necesarias para recoñecer os grupos de cogomelos máis comúns en Galicia, afondando tanto nas principais especies comestibles como nas tóxicas. Dirixida polo estudante de doutoramento Adrián Melón, esta actividade desenvolverase entre o 7 de outubro e o 9 de decembro na Escola de Enxeñaría Forestal e combinará a formación na aula con saídas de campo, abordando tamén cuestións como o procedemento de recolleita e transporte dos cogomelos, as súas propiedades nutracéuticas ou o seu aproveitamento na cociña.
Por último, os días 7, 8 e 14 de novembro desenvolverase na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Escalada en rocódromo: iniciación, técnica e seguridade, un curso dirixido pola profesora Águeda Gutiérrez que alcanza a súa décima edición. Coa participación como docente do técnico deportivo en escalada e guía de montaña José Juan Domínguez, esta actividade permite aprender as técnicas básicas de escalada, progresando con autonomía e seguridade, a través dunha formación práctica que pon o foco nos equipos de protección, na progresión do escalador sobre a vertical, no uso do material ou nos tipos de agarres e soportes.
