DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría abre a inscrición en seis talleres, dirixidos a toda a cidadanía

Os obradoiros do campus renóvanse cun laboratorio creativo, ficción televisiva e arduino

Radio, escalada e locución audiovisual completan a oferta formativa para este cuadrimestre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 15/01/2018

Concibidos como un xeito de complementar e ampliar a formación do alumnado do campus, pero abertos ao conxunto da cidadanía, o programa de obradoiros da Vicerreitoría para o segundo cuadrimestre combina novas propostas coa reedición dalgúns dos talleres máis demandados en anteriores convocatorias. Desde este luns permanece aberta a inscrición en seis obradoiros entre os que figuran novas opcións que permitirán reflexionar sobre series e outros formatos de ficción televisiva e sobre técnicas de produción artística como o apropiacionismo, así como iniciarse na programación de placas de arduino. Esta oferta formativa de talleres de 30 horas, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e maio, complétase cun novo taller sobre radio, desta volta centrado no control de son, e con novas edicións dos cursos de iniciación á escalada en rocódromo e locución audiovisual.

“Os obradoiros preséntanse como un complemento ao currículo do alumnado, abordando cuestións que non se tocan dentro dos estudos regulados, pero están abertos a toda a cidadanía para que haxa un transvasamento de ideas e inquedanzas”, sinala o director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, destes seis talleres, que suman un total de 112 prazas, cun prezo de matrícula de  40  euros, cun desconto do 35% para a comunidade universitaria.

Dúas propostas impulsadas polo alumnado para comezar

Como sinala Morquecho, a presentación das propostas das que sae o programa de obradoiros pode partir de calquera integrante da comunidade universitaria, incluído o propio alumnado, impulsor dos dous talleres previstos para febreiro. O alumno da EE Forestal Esteban Manuel Oubiña e o titulado da EE de Telecomunicación Rabi Ouallam son os responsables de Introdución a arduino e programación en C, dirixido a achegar ao alumnado a esta plataforma de hardware libre e as súas placas electrónicas máis comúns, así como á linguaxe de programación que permite aplicar estes dispositivos. Trátase, sinalan os seus responsables, dun taller de carácter “eminentemente práctico”, para o que non son precisos coñecementos previos.

Por outra banda, o alumno de doutoramento de Belas Artes Marco Antonio Costa é o director de Laboratorio creativo: apropiacionismo e prácticas de produción, que se desenvolverá entre o 21 de febreiro e o 2 de maio nesta facultade. Achegarse a prácticas metodolóxicas como o apropiacionismo, baseado no uso de elementos de obras alleas para a creación de novas obras, é un dos obxectivos dun taller estruturado en cinco “exercicios prácticos experimentais” e no que Costa contará coa colaboración de profesionais convidados.

Da radio á televisión

Familiarizarse co posto de control de son dunha emisora de radio, a mesa de son ou os programas de edición de son constitúen os obxectivos centrais do taller Control de son en radio, que en marzo impartirá en Ciencias Sociais e da Comunicacion o técnico e locutor José María Bará, dando continuidade a outros obradoiros dedicados a este medio. Neste centro celebrarase tamén, a partires do 2 de abril, o obradoiro Cartografías da ficción televisiva, que a profesora Diana Ramahí imparte xunto ao investigador da USC, docente e director de documentais José Antonio Cascudo. Reflexionar sobre o rol que desempeña a ficción televisiva na sociedade e os seus códigos narrativos ou visuais forman parte dos obxectivos dun curso no que se afondará na “especifidade do relativo televisivo” a partires da análise diferentes series e produtos de ficción.

Xa en abril, CCSS e da Comunicación acollerá unha nova edición do obradoiro de Locución audiovisual, un taller no que a actriz, xornalista e actriz de dobraxe Maika Aguado propón un achegamento aos mecanismos de producción da voz e as características da redacción e narración audiovisual. así como ao uso da respiración e do aparello fonador.

Tamén repite presenza nesta programación, tralo éxito acadado no cuadrimestre anterior, o obradoiro de Escalada en rocódromo, que dirixe a profesora da Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez. Centrado nas técnicas básicas desta disciplina, este curso de iniciación será impartido polo guía nacional de escalada e responsable de tecnificación da Federación Galega de Montañismo José Juan Domínguez, e o director da Escola Galega de Alta Montaña, David Pérez, xunto con Gutiérrez e o tamén docente da facultade Diego Alonso.