DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula está aberta dende hoxe mércores ata o día 24 e os prezos varían entre 26€ e 40€

Os obradoiros do segundo cuadrimestre optan pola presencialidade

Os doce talleres abordan temáticas como oratoria, música ou aproveitamentos naturais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 10/02/2021

A programación de obradoiros de Extensión Universitaria para o segundo cuadrimestre xa ten aberta a matrícula. A oferta comprende doce alternativas de formación complementaria que abranguen temáticas tan diversas como a música ou o teatro, diferentes alternativas relacionadas coa explotación sostible da contorna, a oratoria ou o mundo maker.

A pesar da pandemia, a inmensa maioría dos cursos desenvolveranse en modalidade presencial, xa que se trata de grupos pequenos que permiten manter as medidas sanitarias recomendadas. O prazo de matrícula ábrese hoxe mércores e pecharase o vindeiro día 24.  Os obradoiros están abertos tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral, e os prezos varían en función do colectivo ao que se pertenza, entre os 26€ e os 40€.

A natureza, unha das principais protagonistas

Dos doce obradoiros que compoñen o programa, catro delas xiran arredor da natureza. Por exemplo, unha das propostas céntrase nos cogomelos, co obxectivo de proporcionar ao alumnado coñecementos e destrezas básicas para iniciarse no seu cultivo, coñecer as especies e as posibles aplicacións derivadas do cultivo. Outro obradoiro relacionado co mundo natural é o que impartirá María Cabaleiro, investigadora do Laboratorio de Micoloxía da UVigo, sobre os usos das árbores. O obxectivo é que o alumnado participante aprenda a recoñecer e identificar especies de árbores, diferenciar as especies autóctonas das alóctonas e as aplicacións nutracéuticas e antrópicas das mesmas. 

Pero as persoas interesadas nestas temáticas teñen outras dúas alternativas. Por unha banda, o xa tradicional obradoiro de cosmética natural aproveitando a contorna, que consiste en saídas ao campo para identificar e apañar as plantas necesarias para a elaboración dos preparados como tinturas, xabóns cosméticos e produtos para a limpeza do fogar, así como ungüentos, barras de labios, bálsamos, pastas de dentes, cremas hidratantes e máis produtos relacionados coa hixiene persoal, tendo sempre en conta o respecto ao medio ambiente e co propio corpo. Finalmente, o obradoiro práctico de agricultura orgánica, para o deseño, planificación, implantación e manexo dunha horta orgánica, tratará de afondar en distintas metodoloxías para a xestión dunha horta orgánica, concienciando sobre a importancia do agricultura orgánica como ferramenta de cambio cara unha sociedade máis sustentable.

A música, cunha presenza destacada

No que atinxe á música, ofértase por primeira vez un obradoiro sobre as bandas sonoras e a música na narrativa do cine, coordinado pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, Susana Rodríguez Barcia. Este será o único curso integramente virtual, e nel afondarase na relación que existe entre a música pop e rock dos séculos XX e XXI e a narrativa cinematográfica. Nas diferentes sesións realizarase unha revisión dos temas fundamentais das bandas sonoras de filmes clave na historia do cine, así como de artistas de referencia na filmografía de autor. Tamén se abordará o xénero do videoclip e, na parte máis práctica, levaranse a cabo actividades colaborativas de composición básica. En cada sesión, Bosco Hill interpretará en directo algúns dos temas abordados na parte expositiva.

Outra das alternativas que repite como cada ano é a aula de música e baile tradicional galego, que ten como obxectivo coñecer e ampliar a base do coñecemento da música e o baile tradicional galego, tanto na teoría coma na práctica. O mesmo sucede do curso básico de ukelele, que dende que se ofertou por primeira vez tivo moi boa acollida e volve ofertarse. Nel, as persoas asistentes poderán coñecer as partes do instrumento e ter unhas nocións de afinación e mecánica do instrumento, linguaxe musical, cifrado de acordes, escalas e tablatura, técnicas de acompañamento, tonalidade e escalas, acompañamento de cancións en diferentes estilos e harmonía e composición.

Do entroido ao mundo maker. Da lingua ao teatro

Unha das novidades para este segundo cuadrimestre é o obradoiro coordinado pola profesora Carmen Luna titulado Carnaval, festa e política. Esta proposta sitúase na liña de iniciativas académicas que buscan achegar a cultura popular tanto á comunidade universitaria coma á sociedade. Trátase de estudar o entroido e a festa como un dos principais espazos nos que as clases populares constrúen o seu discurso fronte ao discurso hexemónico e de analizar o contido de crítica política presente nos espectáculos carnavalescos. Poranse a disposición do alumnado instrumentos de percusión de murga e de candombe, para que escoiten e poidan experimentar a percusión destes ritmos uruguaios. 

Un dos obradoiros que non adoitan faltar na programación de Extensión Universitaria é do lingua e cultura da comunidade xorda, dirixido pola docente Ana María Fernández Soneira. Trátase de que as persoas participantes poidan coñecer unha lingua visoxestual, examinar algunhas das crenzas erróneas sobre as linguas de signos e a comunidade e cultura xorda e iniciarse na comunicación básica da lingua de signos española (LSE), coñecendo tamén o contexto social, lingüístico, cultural e educativo no que se desenvolven as persoas xordas. 

A oratoria é a protagonista doutro dos cursos, que tratará de que o alumnado domine a arte da oratoria e da comunicación nunha contorna profesional, aumentando a autoestima e o desenvolvemento persoal e desenvolvendo as aptitudes sociais para o éxito profesional e o traballo en equipo.

A oferta comprende tamén un taller de iniciación ao mundo maker, unha proposta completamente práctica orientada a persoas cun coñecemento moi básico de deseño, fabricación aditiva e programación de microcontroladores. O obradoiro divídese en dous bloques, un sobre o deseño de pezas de fabricación aditiva, que consta dunha parte de familiarización coas contornas de deseño de pezas tridimensionais e outra de explicación do hardware a utilizar, e un segundo bloque sobre programación de microcontroladores.

Finalmente, a programación complétase co obradoiro de posta en escena dunha obra teatral, cuxa finalidade é percorrer desde o punto de vista actoral, todas as fases dun proceso de creación teatral, desde as primeiras lecturas do texto ata a representación diante do público, pasando pola creación do personaxe, o diálogo co vestiario, os obxectos e os elementos de escenografía.