DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula está aberta ata o 12 de febreiro

Os obradoiros do segundo cuadrimestre renóvanse incorporando apicultura, cultura xaponesa, rock ou enxertos de árbores

A oferta inclúe tamén teatro, música, agricultura ecolóxica ou lingua de signos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
M. Del Río DUVI 03/02/2020

O programa de obradoiros do segundo cuadrimestre chega cargado de natureza, música e moitas novidades. En total, ao longo dos próximos meses desenvolveranse doce cursos, cinco dos cales se impartirán por primeira vez e xirarán arredor de temáticas como a apicultura, a  cultura xaponesa, enxertos de árbores, o mundo maker e as oportunidades de ocio inclusivo. A oferta complétase con algúns dos obradoiros clásicos de Extensión Universitaria, como o de teatro, a aula de música tradicional, a horta ecolóxica, cosmética natural e a lingua e cultura xorda, aos que se suman os de ukelele e o de poética do rock, que se estrearon, con moi boa acollida, no primeiro cuadrimestre. O prazo de matrícula para todos eles está aberto ata o 12 deste mes.

Apicultura, enxertos, cosmética natural, horta ecolóxica... un cuadrimestre moi natural

O obradoiro de apicultura é unha das principais novidades deste cuadrimestre. Terá un mes de duración, entre o 4 de abril ao 5 de maio, e constará de parte teórica e práctica, na que se empregará o material utilizado en apicultura, de xeito que unha vez rematado o obradoiro, todo alumno sexa quen de atender unha alvariza, dende o coidado das colmeas ata a obtención de produtos como mel, pole, cera, xelea real, própoles ou hidromel. 

Outra proposta moi natural xira arredor dos enxertos de árbores froiteiras, ornamentais e hortalizas, que se desenvolverá do 22 de febreiro ao 14 de marzo. Constará de parte teórica e práctica, co obxectivo de que todas as persoas participantes aprendan a enxertar calquera variedade empregando as ferramentas máis axeitadas, realicen calquera tipo de acodo aéreo e terrestre e fabriquen insecticidas ecolóxicos. Entre outros temas, abordaranse os patróns compatibles con cada variedade ou a influencia das fases da lúa, tanto para enxertar coma para recoller pugas.

Un dos cursos que se vén repetindo nos últimos anos e con moi boa resposta por parte da comunidade universitaria é o de cosmética natural. Desta volta, celebrarase do 19 de febreiro ao 6 de maio, con 30 horas de duración. Neste obradoiro aproveitarase a contorna do campus para aprender a identificar e aproveitar as plantas para facer produtos de cosmética natural, como macerados ou oleatos, tinturas medicinais, xabón e produtos de limpeza do fogar, pasta de dentes, cremar hidratantes, etc. 

Tamén repite o obradoiro práctico de horta ecolóxica, que arrancará o 2 de marzo e se estenderá ata mediados do mes de xullo. O obxectivo é que as e os asistentes poidan aprender a deseñar e xestionar un espazo para a creación dunha horta ecolóxica, coñecer os métodos e mecanismos utilizados na agricultura ecolóxica e aprender a planificar os cultivos ao longo do ano.

Xapón dende a distancia

O obradoiro sobre o Xapón é tamén novo dentro da oferta de Extensión Universitaria e tratará de achegar ás e aos participantes a cultura, tradición, escritura e gastronomía xaponesa, así como as oportunidades de traballo no país asiático. Poderán obter coñecementos básicos do idioma e as formas de escritura (hiragana, katakana, kanji), as claves da historia da cultura audiovisual xaponesa (manga, anime, videoxogos...), algunhas receitas de cociña e tamén as principais barreiras á hora de adaptarse ás cultura xaponesa. O curso terá unha duración de 30 horas e desenvolverase entre o 2 de marzo e o 20 de abril.

Tamén é novo na oferta o obradoiro de iniciación ao mundo maker, que se desenvolve do 20 de febreiro ao 5 de marzo orientado a persoas cun coñecemento moi básico de deseño, fabricación aditiva e programación de microcontroladores. Trátase de que poidan coñecer a traxectoria do movemento maker, as diferentes contornas de desenvolvemento para a programación de microcontroladores e os fundamentos da programación de microcontroladores en distintas linguaxes.

A última novidade deste cuadrimestre é un curso para xerar oportunidades de ocio inclusivo que terá lugar a segunda quincena de marzo. A finalidade é formar á comunidade universitaria en valores sociais, de convivencia, igualdade, e civismo e sobre os aspectos referentes á diversidade funcional, capacitándoos para xerar oportunidades de inclusión. Trátase de que adquiran ferramentas para intervención e a mellora da autonomía das persoas con diversidade funcional e para a intervención educativa a través do ocio e o tempo de lecer. 

Tamén ten unha perspectiva social o obradoiro sobre lingua e cultura da comunidade xorda, que se impartirá do 18 de febreiro ao 21 de abril na Facultade de Filoloxía e Tradución. O obxectivo é que as e os participantes poidan coñecer a lingua visoxestual e reflexionen sobre algunhas das crenzas erróneas sobre as linguas de signos e a comunidade e cultura xorda ao tempo que adquiren un nivel comunicativo básico da lingua de signos española (LSE) e coñecen o contexto social, lingüístico, cultural e educativo no que se desenvolven as persoas xordas. 

Música e teatro consolídanse na programación

A música é outro dos eixos fundamentais da oferta cultural da Universidade de Vigo no segundo cuadrimestre. Por unha banda repite, tras o éxito do primeiro cuadrimestre, o obradoiro básico de ukelele entre o 21 de febreiro ao 15 de maio. Aínda que non se requiren coñecementos previos, é imprescindible que as e os participantes teñan cadanseu instrumento. Nas sesións aprenderán afinación e mecánica, linguaxe musical, cifrado de acordes, técnicas de acompañamento, tonalidades e escalas ou harmonía e composición.

Outra alternativa é a aula de música tradicional do campus, que comprende tanto canto como percusión, gaita e baile tradicional galego. O obradoiro, unha continuación do primeiro cuadrimestre, terá lugar do 17 de febreiro ata finais de abril e, dunha forma amena e práctica, permitirá ás persoas asistentes coñecer a base de cada un dos fundamentos de cada instrumento, as cancións en cada un dos ritmos básicos en cada instrumento e a parte técnica e cada unha das seccións, así como os puntos e bailes típicos de cada provincia de Galicia.

O obradoiro sobre poética do rock xurde tamén como continuación dun do primeiro cuadrimestre sobre ideoloxía na música do século XX. Desta volta, do 23 e abril ata o 4 de xuño, as e os matriculados coñecerán as principais figuras da música folk, rock e pop dos séculos XX e XXI con produción poética co fin de diluír a fronteira entre os dous xéneros. 

Completa a oferta o tradicional obradoiro de teatro, aberto tan só ás persoas que xa estiveron matriculadas no primeiro cuadrimestre. Entre febreiro e maio prepararán unha montaxe que se representará na Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu.

Información e matrícula