DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de Biotecnoloxía Alimentaria e Ambiental está dirixido por Lorenzo Pastrana

Os pensos funcionais melloran a calidade dos polos grazas á súa incidencia na poboación microbiana do intestino do animal

O proxecto realízase en colaboración coa empresa Coren

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 15/01/2008

O desenvolvemento de procesos con base biotecnolóxica para a súa aplicación nos eidos ambiental e alimentario é o principal obxecto das investigacións do equipo dirixido por Lorenzo Pastrana. O grupo de Biotecnoloxía Alimentaria e Ambiental traballa, principalmente, na producción de bacterias lácticas probióticas e bacteriocinas para aplicalas en pensos animais, mellorando así a alimentación e dos polos e, consecuentemente, a súa calidade.

Pensos funcionais

Un dos proxectos máis avanzados do grupo é o que se realiza en colaboración coa empresa Coren para a mellora dos pensos dos polos. A alimentación animal realízase a través de pensos deseñados de xeito que cubran todas as súas necesidades nutritivas pero cada vez hai unha tendencia maior a incluír neles outras substancias que melloren a condición dos polos. Lorenzo Pastrana explica que “buscamos que o penso teña certas funcionalidades e moitas delas teñen relación coa presenza no tracto dixestivo de certos microorganismos que resultan beneficiosos e fan que o animal medre máis rápido, aproveite mellor os nutrientes e enferme menos, mentres que outras bacterias producen o efecto contrario”. Precisamente a estrutura destas poboacións microbianas do intestino depende esencialmente do tipo de alimentación que recibe o polo. “Pódense engadir na formulación dos pensos ácidos orgánicos como, por exemplo, o ácido láctico que buscan ese efecto funcional”. Sen embargo o que se descoñece é cal é a poboación microbiana que eses ácidos orgánicos determinan. Sábese que, ás veces, estes ácidos nunha determinada concentración resultan positivos ou negativos pero non se sabe exactamente o motivo, aínda que se pensa que está relacionado con esa estrutura dos microbios. “O que estamos a facer é desenvolver unha metodoloxía baseada na bioloxía molecular para estudar esa poboación microbiana e como inflúe o tipo de penso na súa estrutura. Estudamos que microorganismos son os responsables dos polos cun estado saudable” di Pastrana.
Neste momento, o proxecto está en pleno desenvolvemento, “xa temos o método molecular, estamos agora validando o método para a determinación e estamos a ver diferentes condicións para comprobar precisamente como va variando a estrutura desa poboación mediante técnicas de bioloxía molecular” comenta o líder do grupo, que conta con rematar a investigación neste ano.

Outras liñas de investigación

Ademais deste proxecto dende o grupo de Biotecnoloxía Alimentaria e Ambiental estase a traballar noutras liñas de investigación ao redor das diversas aplicacións da biotecnoloxía ao ámbito agroalimentario en xeral. “Traballamos con microorganismos, coas súas partes ou coas substancias que producen para obter productos, servizos ou aplicacións dentro do campo agroalimentario ou ambiental. Agora mesmo estamos traballando, entre outros, no eido do aproveitamento de aceites alimentarios, no aproveitamento de froitos do bosque para fabricar augardente e nos envases activos para a conservación dos alimentos. Son os tres máis adiantados e que remataremos nos próximos dous ou tres anos” explica o profesor Pastrana.
Dentro do campo do aproveitamento de residuos e producción de enerxía, o grupo ten financiado un proxecto para o emprego dunhas enzimas proteínas que teñen propiedades catalíticas, é dicir, que producen reaccións) chamadas lipasas. Estas cortan as graxas pero tamén actúan en sentido contrario polo que, segundo Pastrana, “estamos a utilizar as que obtemos de un microorganismo termófilo dunha bacteria que se separa dos géisers das augas termais para aproveitar aceites usados de fritura e producir biodiésel”.
Outro dos proxectos con microorganismos nos que se está a traballar dende o grupo é o da selección de procedementos e fermentos que permitan aproveitar todos eses pequenos froitos do bosque que non se aproveitan por seren de maduración moi rápida e non acadar a canle de distribución para chegar ao mercado. Arandos, albedros ou amoras, por exemplo, poden empregarse para obter productos de alto valor engadido mediante a súa fermentación e posterior destilación para obter augardente.
O terceiro proxecto financiado e en plena fase de desenvolvemento está a cabalo entre a nanotecnoloxía e a tecnoloxía dos alimentos.Os conservantes habitualmente son engadidos na masa do producto como un ingrediente máis de xeito indiscriminado. Isto presenta certas desvantaxes como que o consumidor rexeita cada vez máis os aditivos. É neste contexto onde se desenvolve o concepto de envase activo. O conservante en lugar de engadirse ao alimento o fai ao envase e este o libera cando é preciso. “Algunhas das bacterias lácticas coas que traballamos producen un conservante natural: as bacteriocinas. Estamos a deseñar un sistema a nanoescala con nanodispositivos intelixentes que permiten a liberación controlada destas bacteriocinas de xeito que traballando con nanohidroxeis (boliñas de tamaño nanoscópico) nas que metemos dentro estes aditivos e que os liberan só cando é necesario en resposta a un determinado estímulo que neste caso é a temperatura” comenta Pastrana. Cando se produce un abuso térmico porque se rompe a cadea de frío e o alimento pode deteriorarse, os dispositivos intelixentes liberan o conservante. Así se evita a presión de engadir por sistema aditivos moitas veces innecesarios aos alimentos.

O grupo de investigación

O grupo de Biotecnoloxía Alimentaria e Ambiental confórmano titulados en Farmacia, Química, Tecnoloxía dos Alimentos, Bioloxía e Enxeñaría Química e Agrícola. Este equipo multidisciplinar conta cunha abundante actividade académica así coma numerosos proxectos conxuntos con diferentes empresas.