DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores celebrouse a entrega de galardóns da súa quinta edición

Os Premios Campus Auga distinguen o talento investigador e divulgador arredor dos recursos hídricos

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 22/03/2023

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Auga, este mércores tivo lugar a celebración do acto de entrega dos V Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do campus de Ourense no marco do seu proxecto de especialización arredor dos recursos hídricos. Nesta ocasión, foron cinco as propostas galardoadas e realizadas por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo: unha tese de doutoramento, un traballo fin de grao, dous artigos científicos e unha acción divulgativa.

Estes galardóns están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco do convenio de colaboración existente entre esta empresa e a Universidade de Vigo. O seu obxectivo é potenciar o Campus Auga distinguindo accións destacadas no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribúan a situar e consolidar o campus de Ourense como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga.

O acto de entrega contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; César Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Gabriel Alén, delegado da Xunta de Galicia en Ourense; Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense; Iván Vicente García, director de Viaqua, e Carlos Guillermo Ruiz, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e a asistencia de autoridades e tamén membros da comunidade universitaria. Nas súas  intervencións, destacouse a importancia de recoñecer e fomentar a investigación de calidade arredor dos recursos hídricos tendo en conta o contexto do cambio climático e a súa relevancia no contexto da provincia de Ourense. Neste senso, Manuel Reigosa subliñou a excelencia dos traballos presentados e galardoados e deus os seus parabéns aos premiados e premiadas nesta edición.

Traballos premiados

O premio á mellor tese de doutoramento foi para Towards a future implementation of the heterogeneous electro-Fenton treatment for water remediation, de Verónica Poza e dirixida por Ángeles Sanromán e Marta María Pazos. Nela, a investigadora centrouse no uso de ferramentas de optimización e control para as aplicacións de procesos de oxidación avanzada (POAs) no tratamento de contaminantes emerxentes. Nos últimos anos, estes POAs, recóllese na tese, téñense revelado como “unha interesante alternativa no tratamento de efluentes debido á versatilidade que demostran na degradación de contaminantes orgánicos de diferente natureza”. Porén, sinálase, “o aumento de contaminantes sintéticos, produto do incremento da industrialización, obriga a validar estas novas tecnoloxías para a súa aplicación na degradación de novos contaminantes, como son os denominados contaminantes emerxentes”, aspecto no cal se centrou na súa tese Verónica Poza.

O galardón ao mellor traballo fin de estudos recaeu no estudante da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense Jorge Ledo polo seu traballo fin de grao Modelado físico e numérico da interacción entre ondas e obxectos flotantes, titorizado por Alejandro Jacobo Cabrera e José Manuel Domínguez. O seu estudo céntrase “na análise da interacción entre ondas e obxectos flotantes”, realizando varios experimentos na canle de ondas nanoCIEM situada no edificio Campus Auga e simulacións numéricas equivalentes empregando o software DualSPHysics.

Na modalidade de contribución científica, foi premiado o artigo 3D Photogrammetry as a tool for studying erosive processes at a Roman coastal site: the case of the Roman fish-salting planta at Sobreira (Vigo-Spain), realizado desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio por Adolfo Fernández, Alba Antía Rodríguez e Patricia Valle e publicado en Archaeological and Anthropological Sciences (2022). O texto presenta os resultados do traballo realizado no marco do proxecto GaltFish nunha factoría romana de salgadura de pescado cuxos restos se atopan ameazados pola erosión mariña e a acción humana. Para estudar o sitio, tal e como recolle o artigo, creáronse modelos fotogramétricos para examinar o efecto dos procesos erosivos ao longo dun ano e os resultados, recollidos no artigo, "ilustran que a fotogrametría é unha ferramenta eficiente para rexistrar e analizar a erosión”.

Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao artigo presentado por Diego Fernández, investigador do grupo Environmental Physics Laboratory CIM-UVigo (EPhysLab), titulado Multiscale flood risk assessment under climate change. The case of the Miño River in the city of Ourense, Spain, publicado na revista da European Geosciences Union Natural Hazards and Earth System Sciences. Nel realízase unha análise multiescala do risco de inundacións na conca do Miño-Sil.

Por ultimo, concedeuse o galardón á mellor acción ou actividade de divulgación científica á presentada polo tamén investigador de EPhysLab Orlando García Floods2022 Prevención, resiliencia y respuesta frente a eventos extremos. Este congreso celebrouse no campus de Ourense en outubro de 2022, reunindo a universidades, centros de investigación, organismos de todas as concas hidrográficas españolas e parte das intracomunitarias e administracións para analizar e avanzar nas ferramentas e mecanismos de actuación para mitigar o impacto das inundacións.