DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celebrouse o acto de entrega destes galardóns

Os Premios do Campus Auga distinguen o talento das e dos investigadores da UVigo no eido dos recursos hídricos

Foron galardoados seis traballos de investigación, transferencia e divulgación científica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 08/04/2022

O campus de Ourense celebrou este venres o acto de entrega dos IV Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados por Viaqua. Nesta ocasión, son seis os traballos gañadores realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo: unha tese de doutoramento, dous traballos fin de grao, dous artigos de investigación e unha publicación divulgativa centrados nos recursos hídricos desde diferentes perspectivas.

Colaboración público-privada

No acto de entrega, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, felicitou ás e aos galardoados e agradeceu ás institucións públicas e empresas presentes no acto a súa colaboración no Campus Auga e en xeral coa institución académica. “Estamos traballando todos arreo nunha mesma liña. Estamos aquí sementando unha das pezas importantes para que Ourense efectivamente teña pulo aproveitando o seu potencial termal. A ver se entre todos, a través da investigación, o desenvolvemento, a divulgación e por suposto da colaboración público-privada, somos quen de dar un paso adiante e aproveitar os ventos que nos chegan agora de Europa”, afirmou Reigosa. O reitor lembrou ademais que actualmente está presentada á Xunta de Galicia a documentación para a acreditación do Campus Auga como proxecto de especialización e afirmou que “eu persoalmente penso que o traballo que se fixo é excelente”, agradecendo a Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e a Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, así como aos predecesores de ambos, o seu traballo nesta iniciativa.

Pola súa banda, o director do Campus Auga salientou que esta edición contou “cun nivel moi alto nas achegas científicas que concorreron”, destacando a importancia de que non só participa persoal docente e investigador senón tamén alumnado de grao e posgrao. Roberto Ignacio Fernández adiantou a intención de abrir estes premios ao conxunto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para aproveitar “as súas potencialidades enormes”. Por último, Ana Tejeiro, xerenta de Viaqua, recalcou que estes galardóns son “froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e Viaqua, andadura que deu comezo no ano 2016 e que supón sen dúbida un exemplo de éxito de colaboración público-privada, que é fundamental para o desenvolvemento”. Ana Tejeiro afirmou que “veñen anos apaixonantes no que imos afrontar grandes cambios e onde tamén imos precisar de todo o talento e todas as ganas que hoxe vemos aquí reflectidas no Campus Auga” pero, dixo, “co traballo conxunto do todos sen ningunha dúbida converteremos a Galicia e a Ourense nunha referencia na xestión da auga”.

A entrega dos galardóns, amenizada polo grupo musical Sedici Corde, contou coa participación de Leticia Rodríguez, directora de Desenvolvemento Sostible de Viaqua; José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Armando Ojea, tenente de alcalde do Concello de Ourense; Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, e Emilio González, subdelegado de goberno, que coincidiron en destacar a importancia da investigación arredor da auga e destes galardóns.

Traballos galardoados

O premio á mellor tese de doutoramento foi para Desenvolvemento e optimización do modelo hidráulico Iber+: aplicación a eventos de risco, realizada por Orlando García, investigador do Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-CIM), da Universidade de Vigo, e dirixida por José Manuel Domínguez e Arno Formella. O seu traballo centrouse no ámbito da computación de alto rendemento, concretamente no programa Iber, referente internacional en modelaxe numérica de auga en dúas dimensións en cuxo desenvolvemento participa Ephyslab. O investigador aumentou a eficiencia computacional dos módulos hidrodinámico e de calidade de augas de Iber para mellorar a súa aplicación na análise e xestión de eventos de risco. Estas implementacións foron aplicadas no sistema Midas de alerta temperá de inundacións para o río Miño.

Na modalidade de traballos fin de grao e mestrado, foi premiado o traballo fin de grao Aproveitamento xeotérmico para espazo termal de uso lúdico: Burga do Muíño, Ourense, realizado polo alumno da Facultade de Ciencias Rubén González e titorizado polos profesores José Ángel Cid e Pedro Araújo. Nel propuxo un aproveitamento lúdico durante todo o ano deste espazo a través de pozas cubertas, aproveitamento reproducible noutras termas con problemática de inundacións. Tamén se concedeu un accésit ao alumno do mesmo centro Mamadu Seideba polo seu traballo fin de grao Mellora do sistema de abastecemento de auga para consumo humano nunha poboación de Guinea Bissau, dirixido pola profesora Concepción Pérez Lamela. Atendendo aos problemas existentes no seu país de xestión da auga, o seu traballo centrouse en mellorar un sistema de abastecemento, xestión e aproveitamento deste recurso nunha zona de Guinea Bissau.

O galardón á mellor contribución científica contribución científica foi para o artigo Hydrometereological droughts in the Miño-Limia-Sil hydrographic demarcation (northwestern Iberian Peninsula): the role of atmospheric drivers, do que é autor Rogert Sorí e coautores Marta Vázquez, Milica Stojanovic, Raquel Olalla Nieto, Margarida Liberato e Luis Gimeno, membros do grupo Ephyslab. Publicado en Natural Hazards and Earth System Sciences, da European Geosciences Union, no traballo identificáronse as secas meteorolóxicas que afectaron á demarcación hidrográfica Miño–Limia–Sil durante o período 1980-2017, facendo fincapé na investigación da circulación atmosférica como impulsora de diferentes condicións de seca. Investigadores do mesmo grupo xunto a outros colaboradores acadaron tamén un accésit nesta categoría polo artigo publicado na revista Water titulado MIDAS: A New Integrated Flood Early Warning System for the Miño River, do que é autor Diego Fernández e coautores Orlando García, José González Cao, Carlos de Gonzalo Aranoa, José Antonio Rodríguez, Carlos Guillermo Ruiz e Ramón Gómez Gesteira. Nel presentan o Miño Flood Alert System (Midas), sistema de alerta temperá de inundacións para a conca internacional Miño-Limia. Este sistema é froito do proxecto Risc Miño-Limia, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) e liderado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. 

Por último, os premios distinguiron a publicación divulgativa Contaminación fluvial, cuxo autor é o biólogo e profesor da UVigo Manuel Ángel Pombal e coautores os tamén biólogos Noé Ferreira e Alfredo López. Trátase dun caderno didáctico e monográfico editado pola asociación ANABAM no marco do proxecto Contaminantes Emerxentes nas Augas de Galicia-Norte de Portugal (Norwater).