DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi seleccionada por unanimidade na categoría de persoas xurídicas

Os Premios Cidade de Pontevedra recoñecen a traxectoria de Esdemga

Os galardóns entregaranse no Teatro Principal o vindeiro luns 20

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Premios
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/01/2020

“A verdade é que é un premio que recibimos con moitísima alegría, porque, máis aló doutras consideracións, esta titulación mantén unha relación moi estreita coa cidade e tamén porque son uns estudos que naceron dunha vontade moi ligada á cidade”. Deste xeito salientaba a directora de Esdemga, Lola Dopico, a importancia que para os estudos que se imparten na Facultade de Belas Artes ten converterse neste 2020 na gañadora dos Premios Cidade de Pontevedra na categoría de persoas xurídicas. Así o acordou este luns o xurado destes galardóns, que seleccionou por unanimidade aos estudos da Universidade de Vigo e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na modalidade de persoa física, como gañadores duns premios que se entregarán o vindeiro luns 20 nun pleno extraordinario no Teatro Principal.

Integrado por representantes dos diferentes grupos municipais, da prensa local e do sector cultural, o xurado salientou que Esdemga leva preto de dúas décadas “colocando a Pontevedra no panorama internacional”, así como o seu “afán de conexión” coa cidade e o feito de que os seus titulados e tituladas “están presentes habitualmente nas principais pasarelas e forman parte dos equipos directivos dunha extensa listaxe de firmas de moda”.

Coa conexión coa cidade “no ADN”

Tras coñecer o fallo destes galardóns, Dopico puña o acento en que Esdemga naceu no curso 2004-2005, como un título propio da Universidade de Vigo, os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, froito dun “impulso colectivo, con moitísimo movemento asociativo, social e institucional detrás. Nese senso, Dopico lembra tanto ao por aquel entón vicerreitor Antón Fernández, como o apoio que ao nacemento da titulación prestaron o Concello, a Deputación Provincial, a Cámara de Comercio e Caixanova, así como a implicación da asociación veciñal Castelao e das asociacións do téxtil. De aí incida en que a conexión coa cidade, coas súa institucións e colectivos “está no ADN” de Esdemga. “Desde aí, no camiño percorrido o noso compromiso foi sempre amosar o traballo que se fai dentro das aulas", engade a directora dunha titulación que desde hai 13 anos promove a pasarela Debut co obxectivo de dar a coñecer as coleccións que constitúen os traballos de fin de estudos das súas tituladas e titulados. “Debut é sobre todo unha festa académica e da escola, pero percibímolo tamén como un evento no que participa a cidadanía”, á vez que constitúe tamén unha cita anual que permite “amosar o contexto empresarial do país" os resultados deste traballo formativo. “Dalgún xeito, o premio tamén é un referendo a ese esforzo que facemos pola transferencia, por intentar divulgar o que se fai dentro das aulas da Universidade, que nos indica que temos que seguir esforzándonos aínda máis por ser axentes activos dentro do noso contexto”, engade Dopico.

“Recollemos este premio con moito cariño, porque fala de que seguimos conectados con ese ADN e de que seguimos a facer un bo traballo agora que somos un mestrado”, engade Dopico dun premio que ve como un recoñecemento tanto a esa vontade de permanecer conectados á cidade como ao propio labor “por mellorar a formación do alumnado e facelos competitivos”. Tras 15 anos de traxectoria, o pasado curso impartiuse por última vez docencia neste título propio de Esdemga, trala implantación, no curso 2017-2018, do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda.

“Os éxitos do alumnado son os nosos éxitos”

Nos últimos anos, Esdemga ten colleitado éxitos como ser seleccionada por Zara, dentro do seu proxecto View.s, para desenvolver unha colección cápsula que a firma comercializou en todo o mundo a través da súa web, converténdose na primeira titulación española en formar parte dunha iniciativa “á que están convidando ás melloras escolas do mundo”. Do mesmo xeito, Esdemga foi tamén nos últimos tres anos a única representante española na Graduate Fashion Week, evento que reúne cada ano en Londres ás principais escolas de moda do Reino Unido e a centros de referencia de diferentes continentes. En 2015, foi así mesmo gañadora de Talento & Co, un concurso de escolas e titulacións de moda de todo o Estado, grazas ao traballo realizado por un equipo de estudantes do centro. Nese senso, Dopico incide en que “unha escola non ten éxitos por si soa” e en que os seus verdadeiros logros “son os éxitos do noso alumnado”. De aí que sinale como o “maior mérito” destes estudos as traxectorias profesionais que foron labrando as súas egresados e egresados "e que comezaron aquí nesta cidade e nestas aulas”, ou os premios acadados polas súas tituladas en eventos como o Ego da Madrid Fashion Week.