DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na pasada edición destes galardóns da Unidade de Igualdade presentáronse 40 traballos

Os premios Egeria repartirán 3300€ para incentivar a investigación en xénero nos traballos fin de grao e de mestrado

O prazo de presentación de candidaturas remata este venres 30 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/09/2022

A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo ten aberto, ata este venres 30 de setembro, o prazo de presentación de candidaturas para os premios Egeria, unha convocatoria que, dende 2014, busca fomentar a introdución da perspectiva de xénero nos estudos e na investigación. Os galardóns, que levan o nome da escritora galega do século IV que acadou gran sona pola súa viaxe a Terra Santa que relatou en Itinerarium, buscan os mellores traballos fin de grao e traballos fin de mestrado realizados polo alumnado tendo en conta a perspectiva de xénero. 

En total convócanse tres premios para os TFG, que recoñecerñan os mellores traballos das ramas xurídico-social; ciencias, ciencias da saúde e enxeñaría e arquitectura; e artes e humanidades. Cada unhas das persoas premiadas recibirá 500€. No que se refire aos TFM, tamén se outorgarán tres premios correspondentes aos mesmos eidos do coñecemento, pero desta volta cun premios 600€ para cada un. En total repartiranse ata un máximo de 3300 euros.

Cualificación mínima de 9

Para poder optar a un destes galardóns é necesario ter presentado o traballo fin de grao ou fin de mestrado oficial na Universidade de Vigo no curso 2021/2022 e, como principal novidade respecto da convocatoria do ano pasado, é preciso obter unha cualificación mínima de 9, fronte aos 8 punto que se requirían ata agora. 

O prazo de presentación dos traballos rematará o 30 de setembro de 2021. Xunto coa solicitude deberán presentar o TFG ou TFM en formato pdf así como un resumo, tamén en formato pdf, cunha extensión máxima de 500 palabras, que non poderá conter elementos identificativos sobre a súa autoría ou titoría pero si indicar a que grao ou máster oficial corresponde.

A avaliación dos traballos correrá a cargo dunha comisión composta polas profesoras Alma Gómez, enxeñeira informática e experta en xénero e STEM e Ana Bringas, filóloga inglesa experta en literatura decolonial e estudos feministas, xunto con Carmen Verde, traballadora social experta en políticas sociais con perspectiva de xénero. A selección dos proxectos atenderá principalmente á calidade do traballo presentado (30 puntos), así como á relevancia da súa temática e metodoloxía (25 puntos). Tamén se terá en conta a aplicabilidade das achegas feitas polo estudo (15 puntos), o uso da linguaxe inclusiva (15 puntos), a referenciación bibliográfica e fontes (10 puntos) e o uso da lingua galega (5 puntos).

Seis premiadas na edición pasada

Na pasada edición deste certame, o xurado elixiu como gañadoras a Nuria Ferreiro, polo seu TFG Convite ao avecer, que se centra en preservar o patrimonio inmaterial relacionado coa etnomedicina, desde unha perspectiva interdisciplinar e personalizado nas figuras femininas de meigas, curandeiras, menciñeiras ou parteiras, e a Elena Valcárcel polo seu TFM Competencia motriz obxectiva e percibida en adolescentes: Un enfoque de xénero. Elas foron as que obtiveron as mellores cualificacións en cadansúa modalidade. A listaxe de TFG premiados completouse con Representing the Singaporean Woman´s Stuggle Through Catherine Lim´s 'The Taximan´s Story', na rama de Artes e Humanidades, da graduada en Linguas Estranxeiras Alba Zels Garrido, e cos Os corpos das mulleres ao mercado do neoliberalismo: ventres de alugamento, na rama de Ciencias Socias e Xurídicas, da titulada de Traballo Social Tania Gándara. Pola súa banda, Muriel Carmen Domínguez Viso, alumna do Máster en estudos ingleses avanzados e as súas aplicacións polo traballo Verdades Persoais e o Ensaio de Non-Ficción: Vergonza, Silencio e Dor en Constellations: Reflections from Life de Sinéad Gleeson e Notes to Self: Essays de Emilie Pine, e Ana Isabel Montouto López, estudante do Máster de dirección de arte publicitaria, por Mrs. Bauhaus, acadaron cadanseu premio aos mellores TFM nas ramas de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, respectivamente.