Outorgados pola empresa biotecnolóxica Natac
Os Premios Nacionais de Investigación en Produtos Naturais distinguen a Lucía Cassani
Acadou un accésit por un estudo sobre a extracción de bioactivos de flores de Arnica montana
A investigadora da Universidade de Vigo Lucía Victoria Cassani foi distinguida nos Premios Nacionais de Investigación en Produtos Naturais, outorgados pola empresa biotecnolóxica Natac. Acadou o accésit concedido na categoría de Investigador Consolidado, dotado con 3000 euros, por un estudo centrado en técnicas de extracción de bioactivos das flores de Arnica montana.
Ademais de Lucía Victoria Cassani os galardóns recoñeceron nesta a súa primeira edición a Héctor Rodríguez, do Instituto de Productos Lácteos de Asturias (IPLA-CSIC), premio na categoría de Investigador Consolidado, e a María de las Nieves Siles, da Universidade de Aarhus (Dinamarca), premio na categoría de Novo Investigador.
Arnica montana como ingrediente bioactivo
O galardón acadado pola investigadora da UVigo recoñece concretamente o traballo liderado por ela Machine learning-based assessment of sustainable extraction methodologies tackling the biotechnological exploitation of Arnica montana extracts, publicado na revista Food Chemistry (factor de impacto 9,8). Neste estudo, desenvolvido principalmente no Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) da UVigo, colaboraron institucións estatais e internacionais, concretamente o Departamento de Procesos Alimentarios Sostibles da Università Cattolica del Sacro Cuore (Italia), o Departamento de Tecnoloxía de Alimentos, Nutrición e Bromatoloxía da Universidad de Murcia e o Instituto Superior de Engenharia do Porto (Portugal). No certame valorouse dos traballos presentados tanto a calidade científica como o impacto potencial da investigación, destacando o xurado do traballo de Lucía Victoria Cassani a innovación metodolóxica, o rigor estatístico e a integración avanzada de ferramentas multi-ómicas.
“Neste traballo investigamos como distintas técnicas de extracción verde: calor (HAE), ultrasón (UAE), microondas (MAE) e líquidos presurizados (PLE), inflúen no perfil químico e nas propiedades biolóxicas dos extractos de flores de Arnica montana”, comenta a investigadora do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo. Mediante a integración de metabolómica non dirixida, ferramentas de quimiometría baseadas en aprendizaxe automática e ensaios de bioactividade in vitro, nel, engade, “demostramos que cada método xera extractos con características propias”. O método PLE produciu a pegada fitoquímica máis diferenciada, mentres que os extractos obtidos por microondas destacaron pola súa potente actividade antioxidante e neuroprotectora, asociada a triterpenoides. Pola súa parte, os extractos PLE amosaron unha marcada actividade antiinflamatoria, citotóxica e antioxidante, influída principalmente por antocianinas e flavonois. “Estes resultados evidencian que non existe un 'mellor' extracto universal, senón que cada un pode ser máis adecuado segundo o uso específico, abrindo novas oportunidades para aplicar Arnica montana como ingrediente bioactivo en alimentos funcionais e nutracéuticos”, comenta Lucía Victoria Cassani.
Recoñecemento individual e grupal
Tras recoller o seu galardón no acto celebrado na sede do CSIC en Madrid, a investigadora da UVigo sinala que “é unha verdadeira honra” recibir esta distinción e “un orgullo representar á Universidade de Vigo nun premio de carácter nacional”. O galardón, engade, supón “un recoñecemento non só a un resultado científico concreto, senón tamén ao esforzo colectivo e a cooperación entre institucións” sinalando que “este logro reflicte o traballo colaborativo do noso equipo e o noso compromiso coa xeración de coñecemento con impacto científico, social e ambiental”. Ademais destaca que “iniciativas coma estes premios son fundamentais para fortalecer os vínculos entre a universidade e o sector empresarial, un aspecto crave para impulsar a transferencia real de coñecemento e a innovación aplicada”.
Lucía Cassani é investigadora do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1), no Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, onde desenvolve o seu traballo desde 2021. A súa investigación céntrase na extracción verde de compostos bioactivos a partir de subprodutos agroalimentarios, co fin de reintroducilos en alimentos, mellorar o seu perfil nutricional e estudar os seus efectos sobre a microbiota intestinal, contribuíndo ao mesmo tempo á redución de residuos e ao uso eficiente de recursos. Doutora en Enxeñaría pola Universidad de Buenos Aires, Arxentina, Lucía ten un perfil internacional baseado en estadías, colaboracións en redes e participación en proxectos financiados en Arxentina, España e a Unión Europea. Obtivo diversas bolsas e axudas competitivas, entre elas dúas axudas posdoutorais da Xunta de Galicia; conta con máis de 50 publicacións indexadas, dez capítulos de libro e máis de 30 comunicacións en congresos internacionais. Ademais, foi editora invitada en seis números especiais de revistas internacionais. Actualmente, lidera desde a UVigo dous proxectos autonómicos e participa nos proxectos internacionais liderados polo catedrático desta institución Jesús Simal, compaxinando o seu labor investigador coa docencia e a divulgación científica, e “sempre cun forte compromiso cara a innovación sostible en ciencia e tecnoloxía dos alimentos”. Ten sido galardoada tamén co premio Young Investigator Award, un recoñecemento anual da revista Foods (MDPI).
