Foron nominados en oito categorías
Os Premios Nacionais de Teatro Universitario distinguen o traballo da aula do campus de Ourense
A súa obra 'Desequilibrios' acadou os galardóns a mellor elenco e mellor espazo escénico
A Federación Española de Teatro Universitario acada de conceder os seus premios anuais, os Premios Nacionais de Teatro Universitario. E un ano máis, entre as pezas galardoadas nalgunha das súas categorías está unha realizada polas aulas de teatro do campus de Ourense. Trátase da obra Desequilibrios, que acadou o premio ao mellor elenco e ao mellor espazo escénico.
Desequilibrios conta con dramaturxia de Fernando Dacosta, director das aulas teatrais do campus, e está inspirada en Alguén voou sobre o niño do cuco, do escritor Ken Kesey. Foi o froito do traballo durante o pasado curso académico do grupo das aulas de teatro do campus de Ourense Maricastaña, o nivel máis avanzado dos tres grupos que conforman estas aulas universitarias. Tras a súa estrea, esta peza xirou por diferentes festivais e espazos escénicos galegos, estatais e algún foráneo. O premio ao mellor elenco recoñece o traballo dos seus membros: Nerea Rodríguez, Carmen Blanco, Miguel Estévez, Marisol Amoeiro, Lola Fernández, Antonio Praza, Gonzalo Otero, Tatiana González, Iria Losada, Nuria Saco, Irene Pérez, Antonio Miranda e Iván Iglesias. Pola súa banda, o galardón ao mellor espazo escénico corresponde a Fernando Dacosta.
Agradecementos
O acto de entrega dos galardóns da Federación Española de Teatro Universitario tivo lugar en Madrid, no Palacio Longoria, e o xurado estivo composto por académicos e académicas da Academia das Artes Escénicas de España. Ademais dos dous galardóns acadados, a aula teatral do campus de Ourense tivo outras seis nominacións: nas categorías Mellor Obra (por Desequilibrios), Mellor Dirección (Fernando Dacosta), Mellor Actor de Reparto (Gonzalo Otero), Mellor Espazo Lumínico (José Manuel Bayón), Mellor Cartel de Obra (Pablo Otero) e Mellor Cartel de Festival (da Miteu, feito por Disigna Edenia).
Desde a aula de teatro do campus de Ourense dan as grazas á Federación Española de Teatro Universitario pola organización e concesión destes galardóns e os parabéns aos demais grupos nominados e premiados nas diferentes categorías. Acadar este recoñecemento pecha co bo sabor de boca o periplo da súa proposta Desequilibrios, estando o grupo Maricastaña traballando xa desde principios deste curso académico nunha nova obra coa que de novo amosar nos escenarios o bo facer destas aulas teatrais universitarias.