DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos á participación de toda a comunidade universitaria

Os Premios de poesía, relato curto e tradución 2022 repartirán 3600 euros entre as propostas gañadoras

Poden enviarse propostas ata as 14.00 horas do vindeiro 8 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
D. Besadío DUVI 24/02/2022

A Área de Normalización Lingüística acaba de abrir a convocatoria para unha nova edición dos tradicionais Premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade de Vigo, unha nova chamada á creatividade literaria en galego da comunidade universitaria. Abertos á participación do alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos, a ANL galardoará nesta ocasión os traballos de maior calidade e talento literario cun primeiro premio de 700 euros e dous accésits de 250 € en cada unha das tres categorías, repartindo así un total de 3600 €. Ademais, as poesías, narracións curtas e traducións premiadas serán tamén publicadas nun monográfico que se edita anualmente e que, ano a ano, ten unha ampla acollida entre a comunidade universitaria.

Convocados ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a UVigo e Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, as persoas interesadas en participar poderán presentar as súas propostas ata as 14.00 horas do vindeiro 8 de abril. Na modalidade de poesía e relato curto a temática será libre e os únicos requisitos son que sexan traballos inéditos escritos en lingua galega e que teñan unha extensión de entre 100 e 150 versos, no caso da poesía, e entre 2500 e 6000 palabras, no caso do relato curto. Pola súa banda, o texto fonte da categoría de tradución debe ter tamén entre 2500 e 6000 palabras e pode estar escrito en calquera idioma, sempre que forme parte dos xéneros de literatura, ensaio, divulgación científica, guión cinematográfico ou videoxogos.

Xurado con persoas de recoñecida traxectoria profesional

O xurado encargado de elixir as propostas gañadoras estará integrado por persoas de recoñecida traxectoria nos ámbitos da creación poética e narrativa, da creación literaria e máis da tradución e a entrega de galardóns terá lugar no acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). 

En 2021 presidiu este xurado o profesor da Universidade de Vigo e escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e, xunto a el, formaron parte deste particular tribunal, o director de edicións Xerais, Fran Alonso, o poeta Luís López Alonso –Premio de poesía da Universidade de Vigo 2019-, o escritor e profesor Manuel Lorenzo Baleirón –co ganador do Premio Xerais 2012- e os docentes da Universidade de Vigo Jorge Luis Bueno, Lourdes Lorenzo e Liliana Valado, xunto co director da ANL, Fernando Ramallo, como secretario con voz pero sen voto. Na modalidade de poesía o primeiro premio foi para Branca Trigo, polo poemario Cyberfolk; en relato curto, para Fabio Rivas, polo relato O Forxán e os asteroides, e en tradución para Joaquín García, pola tradución dun texto escrito en portugués por José Luis Peixoto.

Todos estes traballos foron recollidos no libro Premio 2021 de poesía, relato curto e tradución, accesible en formato pdf desde a web da ANL.