DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística repartirá 3600 € entre os traballos galardoados

Os Premios de poesía, relato curto e tradución buscan a creatividade da comunidade universitaria

Este ano incorporan novos xéneros á modalidade de tradución

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
DUVI 09/03/2021

Os Premios de poesía, relato curto e tradución 2021 chegan cargados de novidades. Se ben as modalidades de poesía e relato breve manteñen as características de anos anteriores, o eido da tradución agranda o abano de textos fonte e ábrese a novos xéneros. Co fin de recoñecer as mellores versións en galego de videoxogos, guións cinematográficos, ensaios e textos de divulgación científica, a Área de Normalización Lingüística, ANL, suma por primeira vez todos estes campos á categoría de tradución literaria do seu certame anual.

A ANL galardoará os traballos de maior calidade presentados pola comunidade universitaria cun primeiro premio de 700 € e dous accésits de 250 € en cada unha das tres categorías, un total de 3600 €. Ademais, as poesías, narracións curtas e traducións premiadas serán publicadas nun monográfico que se edita anualmente. 

A decisión do xurado, presidido polo reitor e composto por profesionais de recoñecida traxectoria nos ámbitos do certame, coñecerase no acto que celebrará a UVigo con motivo do Día das Letras Galegas. Esta nova edición do concurso realízase ao abeiro do convenio de colaboración entre a Universidade e a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para a promoción da lingua galega.

Características dos traballos

As persoas interesadas nesta convocatoria poden presentar as súas creacións nas tres modalidades ata as 14.00 horas do 16 de abril. Aínda que o único requisito é pertencer á comunidade universitaria, na categoría de tradución non poderá participar o profesorado dos graos en Tradución e Interpretación, Linguas Estranxeiras e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

O tema será libre e as autoras e autores deben axustarse a un mínimo de 100 versos e un máximo de 150, no caso dos traballos poéticos, e a un mínimo de oito follas e un máximo de 12, no relato curto. Pola súa banda, o texto fonte da categoría de tradución pode ser en calquera idioma sempre que forme parte dos xéneros de literatura, ensaio, divulgación científica, guión cinematográfico ou videoxogos. Os documentos contarán cun mínimo de oito caras e un máximo de 20. No caso de dúbida sobre a adscrición, o xurado poderá decidir se un texto fonte responde aos xéneros recollidos nas bases ou non.

Todos os textos deberán estar escritos en lingua galega de acordo coa norma da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega, NOMIG. As solicitudes dirixiranse á Área de Normalización Lingüística e presentaranse nos rexistros oficiais da Universidade de Vigo, con cita previa, ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do procedemento común das administracións públicas.

As obras, inéditas e non premiadas noutro certame no momento da decisión do xurado, presentaranse por quintuplicado, mecanografadas a dobre espazo, en DIN-A4, con letra Times New Roman e corpo 12. Os orixinais entregaranse nun sobre aberto identificado co nome da convocatoria e cun lema, alcume ou pseudónimo elixido pola autora ou autor. Dentro deste sobre, incluirase outro sobre aberto co mesmo lema, alcume ou pseudónimo, que gardará os datos persoais (nome, apelidos, copia do DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico). O xurado só revisará os datos no caso de que o traballo resulte premiado e non terá validez o sobre interior que non conteña un xustificante de rexistro de entrada.

No ámbito da tradución, as autoras e autores terán que engadir unha folla cunha serie de datos do texto fonte: cinco copias impresas, a lingua de publicación e os datos da edición da obra (ano, lugar de publicación e editorial).