DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rubén Varela, Xurxo Martínez e Paloma Barrera son os gañadores

Os premios de Poesía, Relato curto e Tradución literaria xa teñen dono

A entrega de galardóns celebrarase o venres 23 de maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/05/2014

Os premios de Poesía, Relato curto e Tradución literaria 2014 xa teñen dono. Rubén Varela, Xurxo Martínez e Paloma Barrera son os gañadores da última edición duns galardóns cos que a Universidade de Vigo premia a calidade e creatividade literaria en lingua galega. Recibíronse máis de medio cento de propostas e o xurado non o tivo doado para elixir un gañador e dous accésits para cada categoría, nove traballos gañadores aos que se suman un poemario e un relato curto que, aínda que non foron premiados, formarán tamén parte da publicación na que se recollerán a totalidade dos traballos elixidos.

A entrega de premios será o vindeiro venres 23, coincidindo co acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas na Universidade de Vigo.

Poesía Da miña terra

Na categoría de Poesía, o primeiro premio foi para Rubén Varela, estudante de Educación Primaria no campus de Pontevedra polo poemario Da miña terra, “149 versos dedicados a terra na que me criei”, subliña Varela, que explica que a peza se vai articulando en torno a todo un conxunto de lembranzas “que tiña na miña cabeza, desde a miña infancia na parroquia de Larín en Arteixo ata a miña vida actual na cidade de Pontevedra”.

E se para Varela esta foi a súa primeira experiencia nun certame literario, moita máis bagaxe nestas lindes ten o investigador Xurxo Martínez, gañador do 1º accésit de poesía por Turonio e gañador tamén da categoría de Relato Curto. A súa experiencia en premios é moito máis ampla, gañador na edición de 2013 deste mesmo certame de poesía, a isto hai que engadir outros galardóns coma o Díaz Jácome e o Leiras Pulpeiro, ambos de poesía. A serra do Suído, o barrio de Coia, o muíño de Maquías de Zamáns... son só algún dos temas que poderá atopar o lector nunha peza na que o autor aposta pola recuperación de Turonio un topónimo galego en proceso de recuperación “e que abrangue os territorios entre a Ría de Vigo e o Río Miño”.

Experiencia en certames de poesía ten tamén o oceanógrafo e investigador Anxo Mena, quen se fixo co 2º accésit polo poemario Crónicas de lacrar. Para el tampouco é a primeira vez que gaña un certame de poesía, ao igual ca Martínez xa gañara noutra ocasión o Díaz Jácome.

Dúas pezas de ouro en Relato curto

O premio de Relato curto ten para Xurxo Martínez un sabor especial, “pois é a primeira vez que gaño un certame nesta categoría”. Fíxoo co relato Dúas pezas de ouro “un texto no que trato de facer un retrato da traxedia social que se vive hoxe en día e que moitas veces remata en situacións tan dramáticas como o suicidio”, subliña Martínez, que explica que partiu do mito de Fausto e que foi reflectindo toda unha serie de historias “que van dende a miseria da xente desafiuzada ata os que quedan sen traballo, sen axuda a dependencia...”. Xunto a Martínez foron premiados María Alonso co 1º accésit por Vinte miligramos de infinita tristura e Rubén Galán por As ras da democracia.

Traducir unha historia de supervivencia

En tradución literaria o primeiro premio recaeu nun texto co orixinal en inglés, inédito ata o momento tanto en galego como en castelán, e que xa fora premiado noutros certames (Costa Short Story Award, The Guardian...). “Cando lin este texto de Ángela Readman decateime de que era o relato curto idóneo para presentarme ao concurso”, subliña Paloma Barrera, graduada en Tradución e Interpretación e alumna do Máster en Tradución Multimedia. “No relato cóntase a historia dun pai e a súa filla que viven no que se nos presenta como unha reserva de lebrílopes, uns animais fantásticos metade lebre e metade antílope”, subliña a autora da tradución, que explica que ao longo do relato, o lector vai comprendendo, a través do punto de vista da nena, a súa maneira de afrontar a súa situación real na vida. “O seu fogar é unha caravana que se encontra nun terreo que unha grande empresa quere mercar para construír un supermercado. Esta é, por tanto, unha historia da supervivencia dunha familia con moi poucos recursos nun mundo cada vez máis deshumanizado”, engade a autora da tradución.

O primeiro accésit nesta categoría foi para Marta Santamaría pola tradución dun texto do francés Yves Bonnefoy e o segundo para Moncho Iglesias pola tradución dun texto árabe de Ghassan Kanafani.