DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgados polo Diario de Pontevedra, entregaranse o 25 de novembro

Os Premios Pontevedreses enxalzan os case 30 anos de historia da EE Forestal

Co galardón na categoría de universidade e investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Institucional
DUVI Pontevedra 10/11/2021

A Escola de Enxeñaría Forestal celebrará en 2022 o seu 30 aniversario, efeméride que se ve precedida neste mes de novembro polo seu recoñecemento na décimo cuarta edición dos Premios Pontevedreses. Impulsados polo Diario de Pontevedra, co patrocinio de Abanca, o xurado destes galardóns decidiu outorgar o premio na categoría de universidade e investigación á escola do campus pontevedrés, que destaca como “o único centro de carácter exclusivamente forestal de formación universitaria de Galicia”. Os XIV Premios Pontevedreses entregaranse o vindeiro xoves 25 de novembro nun acto que terá lugar no Auditorio Afundación.

No fallo destes galardóns, que o xornal fixo público este mércores, saliéntase que a “reivindicación histórica” de que Pontevedra contase con estudos universitarios vinculados ao eido forestal, que se remonta cando menos a 1957, “culminou” no ano 1992, coa posta en marcha desta escola e da titulación de enxeñeiro técnico forestal, posteriormente substituída polo actual Grao en Enxeñaría Forestal, que reúne, nas súas especialidades de explotacións e industrias forestais, máis dun centenar de estudantes. “Desde entón constitúese como o único centro de carácter exclusivamente forestal de formación universitaria de Galicia”, salientan dun centro que en 2019 acadaba o selo internacional de calidade EUR-ACE, que acredita o cumprimento dos estándares europeos neste ámbito da enxeñaría.

O xurado destes Premios Pontevedreses estaba integrado polo conselleiro executivo do Diario de Pontevedra, Antonio de Cora; o director do xornal, Miguel Ángel Rodríguez; a directora territorial de Abanca, María del Carmen Fernández, o arquitecto César Portela e o vicerreitor do campus pontevedrés, Jorge Soto. Despois de que a covid-19 obrigase a suspender estes galardóns en 2020, nesta edición o xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio de honra á Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés polo seu labor durante a pandemia. Tamén foron premiados Cruz Vermella, polo seu labor social, o actor Celso Bugallo no apartado de cultura, Construcciones Ramírez no de empresa, e a medallista olímpica e egresada da Facultade de Fisioterapia Teresa Portela, no deportivo. No destinado á universidade e investigación, a EE Forestal obtén uha distinción outorgada en edicións anteriores á propia Universidade de Vigo, no seu 25 aniversario, a Facultade de Belas Artes, á catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ángeles Parrilla e ao responsable da Agrupación Aeroespacial da UVigo, Fernando Aguado.