DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha mención honorífica na categoría de investigadores mozos

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen un traballo do matemático Xabier García

Os galardóns serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia o 8 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 26/09/2019

A Real Academia Galega de Ciencias fixo públicos este xoves os seus Premios de Investigación 2019. Entre as e os  galardoados, neste caso cunha mención honorífica na categoría de investigadores mozos, está o matemático e profesor da Universidade de Vigo Xabier García. “Estou moi contento de que se lle dea un recoñecemento especial ao meu traballo xa que é moi complicado para os matemáticos competir con temas de moita máis visibilidade mediática coma a medicina, a química ou a bioloxía”, comenta o galardoado.

O traballo polo que foi recoñecido describe a variedade de álxebras de Lie a través da exponenciación alxébrica e levouse a cabo co investigador Tim Van der Linden, da Université Catholique de Louvain, e na actualidade estase "a mellorar coa axuda do noso alumno de doutoramento Corentin Vienne” segundo explica o profesor do campus de Ourense. Nel, resume Xabier García, “conseguimos atopar unha nova maneira de entender certos obxectos alxébricos, dende un punto de vista abstracto completamente distinto ao usual. Ditos obxectos chámanse álxebras de Lie e teñen numerosas aplicacións tanto en xeometría como en física”. Segundo comenta o investigador, “os expertos coinciden en que o bonito do traballo non é só o sorprendente resultado, senón tamén os métodos computacionais innovadores que se empregaron”.

Desde setembro do pasado ano Xabier García é profesor axudante doutor no Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo, impartindo docencia na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, ademais de na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. Polo seu traballo foi recentemente un dos seis novos investigadores e investigadoras do campo das matemáticas distinguidos cos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles, outorgados pola Real Sociedad Matemática Española e a Fundación BBVA co obxectivo de apoiar e estimular aos novos profesionais que desenvolven o seu labor no campo da investigación matemática.

As e os galardoados

O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2019 sénior da Real Academia Galega de Ciencias é un estudo xenético sobre o castiñeiro no sur de Europa liderado polo Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos é para o biólogo tamén da USC Juan Cuñarro, que identificou unha nova diana para terapias contra a obesidade e a síndrome metabólica en xeral. Alén da mención recibida por Xabier García, os galardóns tamén outogaron unha mención honorífica na categoría de investigadores sénior a María Celeiro, en equipo con María Llompart, polo desenvolvemento dunha metodoloxía in situ para a monitorización de contaminantes emerxentes en augas. Os premios, que chegan este ano á súa vixésimo oitava edición e levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro.