Foron entregados este mércores en Xinzo de Limia
Os Premios Semente distinguen o traballo do Campus Auga e da investigadora Laura Meno
Os galardóns queren pór en valor as mellores iniciativas do sector agroalimentario galego
Xinzo de Limia acolleu este mércores pola tarde a entrega de galardóns da primeira edición dos Premios Semente, que teñen como obxectivo pór en valor as mellores iniciativas do sector agroalimentario de Galicia ao tempo que se destaca a colaboración entre o mundo académico e o rural. Entre as persoas e entidades galardoadas, estiveron por parte da Universidade de Vigo o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e a investigadora Laura Meno.
A entrega de galardóns, presentada por Xosé Antonio Touriñán, contou coa asistencia de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. O Campus Auga, que ten como liñas de especialización a alimentación funcional; a agricultura e medio ambiente e a xestión da auga termal, foi premiado na categoría de Compromiso Ambiental. Recolleu o premio Roberto Ignacio Fernández, o seu director.
Pola súa banda, Laura Meno, do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) e do Instituto Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo, foi distinguida na categoría de Investigación Agraria. No marco da súa liña de investigación centrada na mellora da sostibilidade de cultivos, moi especialmente a pataca, e que desenvolve en diferentes proxectos, esta enxeñeira agrónoma na súa tese de doutoramento defendida na UVigo quixo contribuír á mellora do sector da pataca en A Limia. Fíxoo afondando no coñecemento da alternariose, unha enfermidade fúnxica que xunto co mildio supón unha das principais preocupacións para as e os agricultores.
Os Premios Semente, seleccionados por un xurado de especialistas, nacen da iniciativa do Concello de Xinzo e contan co apoio das universidades galegas, que se suman ao proxecto para recoñecer o traballo de innovación, sostibilidade e desenvolvemento no agro. A súa gala de entrega enfocouse non só como un acto de recoñecemento senón tamén como “un punto de encontro para todos os que están a traballar pola transformación do sector agroalimentario galego”. Alén do Campus Auga e de Laura Meno, foron premiados Patatas Fritas Guays; Mónica Míguez Bolaño; IXP Pan de Cea; Restaurante Ceibe; Hortocabido SCG; Programa Labranza da TVG; Festa da Pataca de Coristanco; Patatas Fritas Jalys e o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa.